Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez dá conta da nova estratexia do Eixo Atlántico para acadar que os Concellos saian reforzados da crise do Covid

Lara Méndez dá conta da nova estratexia do Eixo Atlántico para acadar que os Concellos saian reforzados da crise do Covid

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • COVID-19,
    • Economía
Xoves, 11 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez dá conta da nova estratexia do Eixo Atlántico para acadar que os Concellos saian reforzados da crise do Covid

O Eixo Atlántico acordou onte, en asemblea cos 39 concellos, deputacións e cámaras municipais que o integran, cambiar de estratexia: logo de 28 anos traballando na cooperación transfronteiriza, evoluciona ao desenvolvemento local conxunto entre cidades do Norte de Portugal e Galicia, na busca dunha eurorrexión máis compacta.

A asemblea do Eixo Atlántico aprobou onte a creación de 5 comisións políticas para deseñar a nova fase de desenvolvemento e adaptarsea unha nova era de postpandemia na terceira área máis poboada da Península Ibérica e a 10ª de Europa, con 7 millóns de habitantes. As novas comisións son as seguintes: comisión de rexeneración urbana, de innovación, sostibilidade, economía e política social.

“É unha nova era para o Eixo Atlántico. Levamos 28 anos de cooperación transfronteiriza e consideramos necesario dar o paso seguinte. Somos un sistema urbano conxunto, con cidades que xa facemos vida en común. Abandonamos a cooperación transfronteiriza e avanzamos cara o desenvolvemento local conxunto, sen fronteiras”, subliña o presidente do Eixo Atlántico e presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Río.

“Somos un sistema urbano único en Europa, aínda hoxe, de cidades e vilas de dous países. Traballamos nunha estratexia que busca un desenvolvemento socioeconómico baseado na innovación, na sostibilidade e na solidariedade social. E para iso é fundamental tanto a cohesión social como a territorial, especialmente entre a costa e o interior. Por iso, para nós, as infraestruturas xogan un papel determinante no ordenamento do territorio”, subliñou Lara Méndez, vicepresidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo.

Un Eixo de 39 cidades

O Eixo Atlántico é unha organización integrada por 39 cidades da Rexión Norte de Portugal e Galicia, independente dos seus estados e autonomía. Naceu en 1992 polo impulso dos entón alcaldes de Porto e Vigo. En 1995 estaba integrado por 13 concellos galegos e portugueses e dende entón aumentou nun 200% os seus integrantes para cooperar en proxectos transfronteirizos.

O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, considera que o paso dado nesta asemblea “marca unha nova etapa, a cuarta nos 29 anos de historia do Eixo, équizais a máis determinante polas circunstancias actuais e o que van supoñer no futuro inmediato; unha etapa na que aspiramos acadar en dez anos a renda media da UE”.

O Eixo aprobou onte un presuposto de funcionamento para o 2021 de 4 millóns de euros, nun 84% adicados a programas de desenvolvemento conxunto.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-da-conta-da-nova-estratexia-do-eixo-atlantico-para-acadar-que-os-concellos-saian