Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez chega a un acordo con Alsa para aplicar un desconto do 25% nos billetes con orixe ou destino Lugo con motivo do Arde Lvcvs

Lara Méndez chega a un acordo con Alsa para aplicar un desconto do 25% nos billetes con orixe ou destino Lugo con motivo do Arde Lvcvs

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Desenvolvemento social,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía
Sábado, 28 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez chega a un acordo con Alsa para aplicar un desconto do 25% nos billetes con orixe ou destino Lugo con motivo do Arde Lvcvs

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou durante a celebración da Feira Internacional de Turismo, FITUR 2023, un convenio co Grupo Alsa para aplicar un desconto do 25% sobre as tarifas base dos servizos de transporte regular que teñan a súa orixe ou destino na cidade de Lugo, dende o 19 ao 28 de xuño con motivo do Arde Lvcvs. A idea é que persoas de toda España se acheguen a Lugo cunha rebaixa na viaxe para que nesta época de dificultades todos e todas teñan mellores posibilidades.

 Repetirase tamén, a publicidade itinerante incluída na traseira integral de autobuses da compañía Alsa que estarán en continuo movemento un mes previo á festa pola meseta Norte, co fin de convocar en Lugo aos amantes desta festa de recreación histórica na vindeira edición, “un soporte de gran visibilidade e notoriedade, onde a imaxe do Arde Lucvs alcanzará tanto a viandantes como a condutores, nas zonas de Madrid, Cantabria, País Vasco e Galicia, entre outras” explicou a rexedora.

 A nova edición do Arde Lucvs terá lugar os días 22, 23, 24 e 25 de xuño. Ademais, segundo destacou a rexedora, existe tamén o compromiso de facer unha promoción da festa por toda España a través dos recorridos que o Grupo Alsa realiza con destino ou orixe Lugo, de tal xeito que, durante estes traxectos – dende o 19 ao 28 de xuño – emitirase un vídeo sobre o Arde Lucus e o que representa para a cidade, no canal de entretemento a bordo do que dispoñen todos os autobuses.

 O Concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, lembrou que “un ano máis tamén se creará un banner na páxina web (www.alsa.es [1]) onde se poderá obter toda a información para a compra dos billetes e sobre a programación do Arde Lucus”.

 A acción de publicidade está enmarcada no patrocinio publicitario asinado entre Concello e Grupo Alsa ao longo da última edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), colaboración que leva recibindo o Arde Lvcvs dende hai 10 anos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-chega-un-acordo-con-alsa-para-aplicar-un-desconto-do-25-nos-billetes-con-orixe-ou

Ligazóns:
[1] http://www.alsa.es