Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez aplaude aos 75 deportistas dos XXV Xogos Galegos Special Olympics, “por ser o mellor exemplo de superación”

Lara Méndez aplaude aos 75 deportistas dos XXV Xogos Galegos Special Olympics, “por ser o mellor exemplo de superación”

A competición celebrarase en Lugo ao longo de todo o día no Polideportivo Municipal Casa do Deporte, coa participación de 7 asociacións de toda Galicia.

A alcaldesa destaca a importancia da cita, “que axuda a rachar estereotipos e prexuízos, e que promove a inclusión real das persoas con diversidade funcional a través do deporte”.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Deportes,
    • Igualdade,
    • Accesibilidade,
    • Inclusión
Sábado, 13 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez aplaude aos 75 deportistas dos XXV Xogos Galegos Special Olympics, “por ser o mellor exemplo de superación”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto, participou este sábado na inauguración dos XXV Xogos Autonómicos de Baloncesto ‘Special Olympics Galicia’ para persoas con discapacidade intelectual, que acolle o Polideportivo Municipal Casa do Deporte e no que participan uns 75 deportistas pertencentes a 7 asociacións de toda Galicia.

Lara Méndez subliñou que “é un orgullo para Lugo acoller unha competición tan importante coma esta, coa que contribuímos a rachar estereotipos e prexuízos, ao tempo que promovemos a inclusión real das persoas con diversidade funcional a través do deporte, demostrando que, co apoio necesario, poden acadar todas as metas e obxectivos que se propoñan”.

A rexedora desexou unha boa competición a todos os participantes e destacou a ampla representación lucense pois “o 75% dos deportistas son da provincia de Lugo, o que supón unha dobre satisfacción”. Así mesmo, felicitou aos deportistas, por “ser o mellor exemplo de superación”, así como aos organizadores, a asociación Special Olympics Galicia, “pola iniciativa e o traballo diario que realizan en aras de acadar unha inclusión plena das persoas con discapacidade intelectual”.

Sete asociacións de diferentes cidades galegas estarán representadas nesta 25ª edición, entre elas a anfitriona, Aspnais, que participa con 11 atletas nas probas individuais. O colectivo Prodeme de Monforte conta co maior número de deportistas, 15 en total, mentres que  San Vicente de Lugo, competirá con 12, Aspanane de Viveiro, traerá a 8 deportistas, San Francisco de Vigo participará con 9 e Asfaval e Aspanas de O Barco e Ourense participarán con 5 e 12 deportistas respectivamente.

O obxectivo é fomentar as capacidades persoais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e amor propio da persoas con discapacidade intelectual.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-aplaude-aos-75-deportistas-dos-xxv-xogos-galegos-special-olympics-por-ser-o-mellor