Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez acorda coa hostalaría lucense unha prerrogativa para manter as terrazas actuais supeditada ao respecto da accesibilidade

Lara Méndez acorda coa hostalaría lucense unha prerrogativa para manter as terrazas actuais supeditada ao respecto da accesibilidade

A medida se manterá ata a aprobación da Ordenanza de homoxeneización deste tipo de instalacións, cuxo borrador está xa moi avanzado.

A alcaldesa prepara agora coa Policía Local os operativos de vixilancia para verificar que no se excede a ocupación autorizada e que esta non afecta ao tránsito peonil nin á súa seguridade.

O permiso, que nos próximos días se fará oficial mediante un bando, terá carácter temporal e excepcional “para salvagardar as numerosas economías familiares que dependen do sector, seriamente afectado pola inflación”, afirmou a rexedora.

O próximo exercicio a hostalería volverá estar suxeita, logo dunha exención de tres anos, ao pagamento da taxa municipal que, trala revisión do seu estudo de custos, a mantén como unha das máis accesibles de todas as grandes capitais galegas.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Xestión cultural,
    • Comercio,
    • Accesibilidade
Venres, 30 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acorda coa hostalaría lucense unha prerrogativa para manter as terrazas actuais supeditada ao respecto da accesibilidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acordou esta mañá a prerrogativa á hostalaría local para manter as terrazas nos seus emprazamentos actuais co fin de paliar os complexos momentos económicos que atravesa o sector debido ao incremento da inflación.

Unha medida que terá carácter extraordinario e temporal, mentres non entra en vigor a nova Ordenanza municipal que regulará a homoxeneización destas instalacións e que, en todo caso, estará suxeita ao estrito cumprimento das limitacións espaciais que garantan a accesibilidade nas rúas.

Lara Méndez abordou nun encontro con representantes da APEHL os termos do novo bando de Alcaldía que se publicará nos próximos días para dar oficialidade a esta decisión que a propia rexedora enmarcou na “prioridade de garantir a viabilidade dun sector crucial para o PIB local que sustenta as economías de numerosas familias da cidade, de maneira que, en primeira instancia, debemos protexer eses postos de traballo sempre en consonancia co debido respecto e consideración á convivencia veciñal”, salientou.

Deste xeito, a alcaldesa avanzou tamén que xa está a organizar coa Policía Local os operativos de vixilancia e control que se porán en marcha a partir do 1 de xaneiro para supervisar con rigorosidade que se están a acatar as delimitacións establecidas, “evitando que as terrazas se excedan ou fagan unha ocupación abusiva da vía pública que afecte ao tránsito peonil ou á súa seguridade, de aí que tamén acordaramos que o mobiliario deberá recollerse cando non se estea utilizando”.

“É indubidable que as tendencias do consumo no exterior dos locais viñeron para quedarse e na necesidade de adaptarnos a esa realidade social actual e vindeira temos tamén a obriga de conxugar axeitadamente os novos hábitos e a subsistencia empresarial co dereito da veciñanza a moverse libremente e sen perigo pola cidade. Un aspecto que rexerá de forma primordial esta concesión”, aseverou Lara Méndez.

A rexedora insistiu en que a medida se manterá ata que entre en vigor a Ordenanza que regulará a configuración estética deste tipo de instalacións, “cuxo borrador – adiantou– está xa moi avanzado e ao que agardamos poder incorporar en breve ás suxestións e achegas que realice o sector, moi interesado tamén en dispoñer canto antes do novo marco legal”.

“Semella evidente que mentres dita normativa non se culmina, podería ter un efecto pernicioso sobre a súa recuperación económica o drástico levantamento de actuacións que tiveron funcionado con éxito, botando ao traste os esforzos realizados pola Administración local no seu apoio e entre os que se inclúen, alén dos anteriores permisos concedidos, axudas directas ou a realización de programas formativos”, lembrou a alcaldesa.

Xa para rematar, Lara Méndez recordou que o próximo exercicio a hostelería volverá estar suxeita de novo, logo dunha exención de tres anos, ao pagamento da taxa municipal correspondente que, trala revisión do estudo de custos polo que se rexe, a mantén como unha das máis accesibles de todas as grandes capitais galegas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as prerrogativa das terrazas | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-acorda-coa-hostalaria-lucense-unha-prerrogativa-para-manter-terrazas-actuais

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/301222_lara_mendez_-_prerrogativa_terrazas.mp3