Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > James Rhodes emocionará ao Fuxan os Ventos nun dos actos centrais do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

James Rhodes emocionará ao Fuxan os Ventos nun dos actos centrais do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

As entradas para o concerto estarán dispoñibles desde hoxe, ás 12:00 horas, a través da web entradaslugo.es, cun prezo simbólico de 10 euros, co obxectivo de que “a cultura siga sendo accesible para todos e todas”, explicou o alcalde.

O rexedor salientou que James Rhodes é un artista que encarna á perfección o espírito desta celebración, definíndoo como “un creador comprometido, valente e profundamente humano. É un dos pianistas máis recoñecidos do panorama internacional.

“Traer a James Rhodes a Lugo é moito máis ca programar un concerto: é apostar por unha maneira de entender a cultura como ferramenta de transformación social e emocional.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Música,
    • Xestión cultural
Martes, 11 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
James Rhodes emocionará ao Fuxan os Ventos nun dos actos centrais do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, presentou esta mañá en rolda de prensa o concerto que o pianista James Rhodes ofrecerá o vindeiro 19 de novembro, ás 20:00 horas, no auditorio Fuxan os Ventos, como parte do programa conmemorativo polo 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Durante a súa intervención, o rexedor destacou que “estamos a celebrar unha data que vai moito máis alá dun aniversario. Falamos dun recoñecemento internacional que puxo a Lugo no mapa cultural do mundo, que reforzou o noso orgullo colectivo e que nos lembra cada día o valor de vivir nunha cidade que soubo coidar e preservar o seu patrimonio”.

As entradas para o concerto estarán dispoñibles desde hoxe, ás 12:00 horas, a través da web entradaslugo.es, cun prezo simbólico de 10 euros, co obxectivo de que “a cultura siga sendo accesible para todos e todas”, explicou o alcalde.

Fernández sinalou que “estes 25 anos son, sobre todo, unha oportunidade para mirar cara ao futuro con ilusión, coidando o que somos e apostando pola cultura, pola educación e pola convivencia”. Nese sentido, enmarcou o concerto de James Rhodes como “unha das citas máis destacadas do programa conmemorativo”, que inclúe máis de quince actividades culturais, deportivas e sociais.

O rexedor salientou que James Rhodes é un artista que encarna á perfección o espírito desta celebración, definíndoo como “un creador comprometido, valente e profundamente humano. É un dos pianistas máis recoñecidos do panorama internacional, pero tamén un divulgador que soubo reinventar o concerto clásico, achegándoo a novas xeracións e converténdoo nun espazo de encontro e emoción compartida”.

Nos seus recitais, o músico británico combina interpretación e palabra, achegando o público á música de compositores como Bach, Chopin, Brahms ou Rachmaninov, e compartindo como a música foi para el “unha maneira de atopar luz nos momentos máis difíciles”.

Ademais da súa traxectoria artística, Fernández lembrou que Rhodes é un cidadán comprometido coa sociedade española, impulsor da coñecida Lei Rhodes de protección á infancia fronte á violencia e divulgador cultural.

“Traer a James Rhodes a Lugo é moito máis ca programar un concerto: é apostar por unha maneira de entender a cultura como ferramenta de transformación social e emocional. É abrir as portas da nosa cidade a un artista internacional que comparte os valores que defendemos: a empatía, a liberdade e a esperanza”, subliñou o alcalde.

O programa conmemorativo do 25 aniversario prolongarase ata o 30 de novembro, e inclúe concertos, teatro, danza, espectáculos de rúa, o desfile histórico do Arde Lvcvs e un gran espectáculo de drons sobre o parque Rosalía de Castro, creado especialmente para esta efeméride coa música de Abraham Cupeiro.

Fernández Méndez agradeceu a colaboración de entidades, colectivos e artistas locais que fixeron posible este programa, destacando que “a Muralla de Lugo non é só pedra e historia; é identidade, é memoria e é futuro. E coa emoción que traerá James Rhodes, seguimos dicindo ao mundo que Lugo é unha cidade viva, orgullosa, culta e aberta”.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, sobre o concerto do pianista James Rhodes | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/james-rhodes-emocionara-ao-fuxan-os-ventos-nun-dos-actos-centrais-do-25-aniversario-da-muralla

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/111125_miguelfernandez_jamesrhode.mp3