Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Irina Bunkova actúa o venres no Círculo das Artes

Irina Bunkova actúa o venres no Círculo das Artes

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O programa de concertos 2006/07 da Sociedad Filarmónica de Lugo terá a súa continuidade o venres, coa actuación da soprano Irina Bunkova.

Esta actuación terá lugar, como é tradicional, no salón rexio do Círculo das Artes, a partir das oito e media da tarde.

A programación dos concertos, elaborada por este colectivo, que este ano cumpre 70 anos de existencia en Lugo, está subvencionada pola Concellería de Cultura do Concello de Lugo con 2.500 euros.

A tempada actual prolongarase ata o mes de xuño e nela se contempla a celebración de dez concertos, abrindo e pechando sempre coa actuación dunha orquestra.

Irina Bunkova, afincada en Lugo dende o 2002, naceu en terras siberianas no seno dunha familia humilde. Comezou os seus estudos musicais con cinco anos e non os deixou aínda, xa que actualmente estuda canto coa profesora Yolanda Montoussé Roldán, á vez que prosegue os de piano co profesor Emilio Cuesta en Oviedo.

Dentro da cidade de Lugo destacan diversas actuacións, moitas delas con carácter altruísta como a súas colaboración con grupos como Sólo Voces, co que gravou un disco; ou a Coral do Hospital Xeral-Calde.

A soprano estará acompañada ao piano por Francisco Damián Hernández, profesor de piano en varios conservatorios, aínda que desenvolve un importante labor como pianiosta acompañante.

Durante o concerto cantará pezas recoñecidas de compositores como Mozart, Bellini, Rachmaninov, Rimsky-Korsakov, Granados, Sorozábal e Barbieri.

O próximo concerto do ciclo terá lugar o día 16 de marzo e estará a cargo dos pianistas Antonio Queija e Juan Ignacio Martínez.

A información sobre o concerto pode consultarse na web municipal, www.lugo.es [1].


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/irina-bunkova-actua-o-venres-no-circulo-das-artes

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es