Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Información sobre as actuacións da Policía Local

Información sobre as actuacións da Policía Local

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Martes, 03 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Incendio en vivenda

Ás 00’30 horas do domingo a Sala do 092 recibe información sobre un incendio nunha vivenda da rúa Río Sil, polo que comisiona no lugar dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que sinalizan unha zona de seguridade para os servizos de emerxencia, que finalmente non teñen que actuar, xa que o lume fora sufocado previamente por un dos moradores da vivenda; segundo o cal o incendio se producira na galería do piso, con motivo da caída dunha vela sobre un montón de prendas de roupa.

Asistencia á cidadanía

Ás 21’40 horas do sábado, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio que realizaba patrulla preventiva pola Praza do Rei observou a presenza dunha persoa, presuntamente baixo os efectos do alcohol, caída na vía pública, con feridas sangrantes na cara e que estaba a ser atendida por dous facultativos que pasaban polo lugar, os cales aconsellaron o seu traslado a un centro sanitario. Os axentes solicitaron a presenza dunha ambulancia, que realizou o traslado solicitado.

Sendo as 19’40 horas do sábado, a Sala do 092 recibe requirimento pola desaparición dun home de 90 anos na zona da Avda. de Madrid, polo que se pasa aviso aos indicativos de servizo, un dos cales, na Praza do Rei, localiza un varón que coincide cos datos achegados e di estar a buscar á súa filla. Os axentes contactan coa requirente, que resulta ser a filla do ancián, que se fai cargo do mesmo.

Ás 2’00 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno observa un mozo tendido sobre a beirarrúa na rúa Villalba, polo que detén a súa marcha de inmediato para prestar a debida asistencia. O mozo atópase acompañado dun amigo, que manifesta que o home consumira alcohol mesturado con cigarros de CBD, o que podería causar a indisposición. Os axentes solicitan a presenza dunha ambulancia, xa que, aínda que o varón se atopaba consciente, atopábase tremoroso e con moito frío. Finalmente foi trasladado ao HULA.

Os axentes tamén prestaron auxilio a dúas persoas nos seus respectivos domicilios, tras seren requiridos polos familiares e polos servizos sanitarios, xa que, en ambos os casos, ditas persoas mostraban unha actitude agresiva e negábanse a tomar o tratamento que tiñan pautado. Nun dos casos, un varón mozo, cando chegaron os servizos sanitarios xa se atopaba calmado e accedeu a tomar o seu tratamento; se ben no outro, o dunha muller, o facultativo médico decide administrarlle un calmante e o seu traslado a un centro hospitalario.

Danos en portal de vivenda

Ás 18’55 horas do sábado, a Sala do 092 recibe un aviso sobre un varón agresivo que rompeu os cristais da porta do portal dun edificio da rúa San Lorenzo, polo que comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes son informados de que a parella da requirente seguiu ao individuo, sendo ambos localizados na rúa Julia Minguillón, presentando o presunto autor dos danos, que parece atoparse baixo os efectos do alcohol, feridas con sangue na man dereita, sen que desexe ser asistido. O outro home é informado do procedemento a seguir para formalizar denuncia polos feitos.

Presunto furto en farmacia

Ás 20’15 horas do sábado, cando un indicativo de Policía de Barrio realizaba patrulla preventiva polo centro da cidade, os axentes foron requiridos desde unha farmacia, xa que un cliente acababa de furtar un produto que escondera baixo a roupa que vestía. Os policías explican ao home en cuestión o motivo da intervención, procedendo a un cacheo superficial, durante o cal atopan un frasco de colonia, que a traballadora da farmacia recoñece que pertence ao establecemento, sendo informada do procedemento a seguir para presentar denuncia.

Venda ambulante non autorizada

Durante a mañá do venres seis mulleres foron denunciadas no Parque da Milagrosa, por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por ocupación da vía pública para a venda ambulante sen autorización, xa que, con ocasión do mercado, expoñían produtos como roupa e calzado para a súa venda, sen contar coa preceptiva autorización municipal.

Durante a mesma mañá, un home tamén foi denunciado na rúa Quiroga Ballesteros, onde ofrecía allos para a súa venda, facéndoo desde unha carretilla.

Presunto delito de roubo en vehículos

Sendo as 9’45 horas do domingo recíbese información sobre un home fracturando as xanelas dos vehículos estacionados na Avda. de Madrid, facendo uso dunha estaca de madeira, achegando unha descrición do mesmo. Os axentes acoden de inmediato ao lugar, localizando un varón que coincide coa descrición facilitada, ao lado dun vehículo cunha das súas xanelas rota, a guanteira aberta e o interior revolto; comprobando tamén que nas inmediacións había outro vehículo cunha xanela fracturada, atopando ao lado do mesmo unha estaca de madeira con restos de sangue.

Os axentes comproban que o varón presenta unha ferida na palma da man dereita, con restos de sangue e de terra, compatibles con ter suxeitado a estaca de madeira, que podería proceder da zona axardinada inmediata, posiblemente atopándose cravada para suxeitar algunha árbore.

Por todo iso, os axentes proceden á detención do individuo que, tras ser trasladado a un centro sanitario, é presentado en dependencias policiais, para a tramitación das oportunas dilixencias.

Seguridade viaria

Sábado ás 00’30 horas, un indicativo da Policía Nacional solicita colaboración para practicar as probas de alcoholemia a un condutor, o cal arroxa resultado positivo de 0.63 e 0.60 mg/L. Confecciónase denuncia administrativa.

Sábado ás 4’05 horas, na Avda. de Madrid, nun filtro de seguridade viaria, os axentes dan o alto a un condutor que arroxa resultado de 0.32 e 0.32 mg/L, polo que se confecciona denuncia.

Sábado ás 4’45 horas, na Praza do Rei, nun filtro de seguridade viaria un condutor arroxa resultado de 0.38 e 0.29 mg/L e outro condutor 0.37 e 0.42 mg/L. Confecciónanse denuncias.

Sábado ás 2’50 horas, no Paseo dos Estudantes, un indicativo de Policía de Barrio localiza unha condutora que presenta signos compatibles co consumo previo de bebidas alcohólicas, polo que é sometida ás probas regulamentarias, arroxando resultados de 0.44 e 0.46 mg/L, polo que se formula a correspondente denuncia.

Domingo ás 17’50 horas, na rúa Dona Urraca, un indicativo de Policía de Barrio detén a marcha dun turismo para levantar acta e denunciar unha reforma non autorizada no tubo de escape, xa que circula sen silenciador de explosións ou sendo este ineficaz. Cando os axentes solicitan a documentación regulamentaria comproban que o condutor non obtivo nunca permiso de conducir, motivo polo cal solicitan a colaboración do equipo de Atestados, para a confección das correspondentes dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Domingo ás 5’10 horas, na rúa San Roque, nun filtro de seguridade viaria, os axentes do Grupo Operativo Nocturno proceden a deter a marcha dun turismo, cuxo condutor presenta menos de dous anos de antigüidade no permiso de conducir. Arroxa resultado positivo nas probas de alcoholemia, con 0.26 e 0.24 mg/L, polo que se confecciona a correspondente denuncia; facéndose cargo do vehículo un condutor alternativo.

Domingo ás 4’00 horas, na Rolda das Mercedes, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno detén a marcha dun vehículo que cometeu unha infracción (facer caso omiso a un sinal de acceso prohibido), comprobando que o condutor presenta claros signos externos de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, arroxando resultado de 1.00 e 1.07 mg/L, polo que os axentes de Atestados inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/informacion-sobre-actuacions-da-policia-local-0