Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Inaugúrase no Vello Cárcere a exposición ‘Conciencia dunha tradición’ con mostras da olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós

Inaugúrase no Vello Cárcere a exposición ‘Conciencia dunha tradición’ con mostras da olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós

Entre 200 e 300 cerámicas exhiben no Vello Cárcere as semellanzas e as diferenzas entre as pezas realizadas nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo.

No proxecto colaboran tamén a Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago e a FECYT.

  • Tema
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Museos e exposicións,
    • Xestión cultural
Venres, 01 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Inaugúrase no Vello Cárcere a exposición ‘Conciencia dunha tradición’ con mostras da olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, asistiu á inauguración da nova exposición que ocupa por completo o espazo expositivo do Vello Cárcere de Lugo. ‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ amosa, dende hoxe e ata o 17 de maio, unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Durante o evento, Cristina López indicou que esta mostra “permite ofrecer unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza e na nosa provincia”, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC, aclarou a concelleira.

Na exposición, que reflicte as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, “valorouse a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas”, explicou López. Ademais, a mostra “inclúe paneis informativos que proporcionan a máxima información a todas aquelas persoas que se achegan a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico”, indicou a concelleira de Participación.

‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ dispón tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollen todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/inaugurase-no-vello-carcere-exposicion-conciencia-dunha-tradicion-con-mostras-da-olaria-de