Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Habilitadas 150 novas prazas de aparcadoiro na contorna da estación de tren de Lugo

Habilitadas 150 novas prazas de aparcadoiro na contorna da estación de tren de Lugo

Lara Méndez, Isabel Pardo de Vera, Álvaro Santos e Isabel Rodríguez comprobaron este venres as actuacións de acondicionamento

A petición dos colectivos veciñais e a implicación da Alcaldesa supón que esta zona da cidade faga realidade unha das súas demandas con esta actuación, que supuxo unha inversión de 105.000 euros de ADIF na cidade

A Alcaldesa, quen agradeceu a implicación de ADIF e o compromiso do propio Ministro de Fomento con Lugo, asegurou que se trata "dun paso máis nos acondicionamentos da cidade que se vaian facendo, pero que o gran obxectivo é a tan necesaria Intermodal"

Con este acondicionamento, Lugo gañará unhas 950 prazas, pois o Gobeno Local poñerá a disposición da cidadanía aparcamentos disuasorios (203), párking enfronte ao HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80)

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Infraestruturas
Venres, 07 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 Habilitadas 150 novas prazas de aparcadoiro na contorna da estación de tren de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, comprobaron este venres as actuacións que vén de acometer o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias en Lugo. Trátase do acondicionamento dun novo aparcadoiro nas inmediacións da estación de tren, unhas obras cun orzamento de 105.000 euros, que comezaron a mediados de xullo.

A petición de colectivos veciñais, e a insistencia da Alcaldesa de Lugo nesta necesidade, pois a propia Lara Méndez xa llo trasladara á Presidenta de ADIF cando ocupaba outras responsabilidades nesta administración, supoñen que esta zona da cidade faga realidade unha das súas demandas.

Lara Méndez, quen agradeceu a implicación que ten ADIF e a propia presidenta con Lugo, subliñou que se trata dun "paso máis nos acondicionamentos da cidade e de seguir humanizando espazos que se vaian facendo, pero que o gran obxectivo é a tan necesaria Intermodal e as imprescindibles estruturas ferroviarias para que Lugo non quede illado".

"Lugo volve estar na axenda política do Goberno central e na actualidade no que se refire as infraestruturas, tan demandadas pola cidade", subliñou a rexedora, quen remarcou o compromiso real do Ministro de Fomento para correxir o desequilibrio social, motivado polo desequilibro territorial, do municipio; agardando que a partir de agora se vexan resoltas máis necesidades.

Polo súa banda, a presidenta de ADIF, que xunto á Alcaldesa confirmou actuacións de acondicionamento da Praza Conde Fontao, avanzou que se está traballando para impulsar a Lugo, "que ten un problema de mobilidade que hai que solucionar con igualdade de condicións, tamén en temas de intermodalidade, co resto de cidades de Galicia e o territorio".

O aparcadoiro acondicionosue nunha parecela de 2.500 metros cadrados que quedou libre xunto á estació de tren cando a terminal de mercadorías se trasladou ao Ceao. Ten unha entrada e saída de vehículos que dá á Praza Conde Fontao e un acceso peonil. Esta nova área de estacionamento non só dará servizo ás persoas usuarias da estación de tren, senón aos veciños e veciñas que traballan na contorna.

Con estas novas 150 novas prazas na cidade, Lugo gañará un total de 950 máis, pois o Gobeno Local vai poñer a disposición da cidadanía novas prazas públicas e gratuítas coas medidas xa tomadas e as que ten en marcha: aparcamentos disuasorios (203), párking enfronte ao HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80).

Audio

  • Lara Méndez, sobre o aparcadoiro ADIF | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/habilitadas-150-novas-prazas-de-aparcadoiro-na-contorna-da-estacion-de-tren-de-lugo

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/070918_alcaldesa-aparcadoiroadif.mp3