Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A gardería Gregorio Sanz funcionou hoxe con normalidade

A gardería Gregorio Sanz funcionou hoxe con normalidade

Os 43 nenos e nenas que acudiron á escola infantil foron atendidos pola plantilla habitual da Escola (7 persoas), salvo durante menos de dúas horas, nas que estiveron ao cargo de 5

  • Tema
    • Educación,
    • Educación pública
Mércores, 16 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, subliñou que a Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz funcionou na xornada deste mércores “con normalidade, dentro da situación excepcional que supuxo a ausencia de 5 traballadoras durante un espazo de menos de dúas horas, entre as 12.20 e as 14.00 horas, para ter que acudir ao xulgado a declarar por un incidente ocorrido a primeiros de outubro”. O edil desmentiu así as informacións que esta mañá apuntaron a unha disfunción na escola.

Na xornada de hoxe acudiron á gardería 43 nenos e nenas, dos cales 8 os pasaron a recoller os pais e nais antes de xantar -6 da aula de 1 a 2 anos e 2, da de entre 2 e 3 anos- porque así foi o desexo dos proxenitores.

Coa previsión da ausencia durante unhas horas no día de hoxe de 5 traballadoras, as delegacións municipais de Educación e Persoal coordináronse para conseguir persoal substituto. Deste xeito, os 43 nenos que acudiron este mércores ao centro foron atendidos pola plantilla habitual da gardería (6 traballadoras máis a directora) e durante menos de dúas horas estiveron ao cargo deles 5 persoas: unha substituta, dúas da plantilla habitual que non foron a declarar, e dúas alumnas de prácticas. Non foi preciso reubicar a ningún neno da Gregorio Sanz en ningunha outra escola municipal.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/garderia-segrorio-sanz-funcionou-hoxe-con-normalidade