Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Éxito da xornada de portas abertas no CEI Nodus, un dos piares das políticas de dinamización económica do Goberno

Éxito da xornada de portas abertas no CEI Nodus, un dos piares das políticas de dinamización económica do Goberno

A Alcaldesa inaugurou a actividade cunha visita guiada na que participaron numerosos representantes do tecido socioeconómico da cidade

Visibilizar a intensa e ampla actividade do Centro de Empresas e Innovación, no que están funcionando a día de hoxe 27 empresas e asociacións, fomentar sinerxias e dar a coñecer o destino dos fondos públicos son os obxectivos da xornada, subliñou Lara Méndez

 O Goberno local ten en marcha plans de emprego e emprendemento por importe de máis de 2M€ que benefician a 250 persoas

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Desenvolvemento económico
Venres, 28 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Éxito da xornada de portas abertas no CEI Nodus, un dos piares das políticas de dinamización económica do Goberno

A xornada de portas abertas celebrada este venres no CEI Nodus foi un éxito de participación, pois ao largo do día foron ducias de persoas, vinculadas co mundo da empresa, o emprendemento, a educación e da sociedade en xeral os que pasaron polas instalacións, un dos piares das políticas de dinamización económica e creación de emprego do Goberno. A día de hoxe, ten en marcha proxectos neste eido por importe de máis de 2M€ que benefician a 250 persoas. A Alcaldesa, Lara Méndez, inaugurou a actividade pola mañá cunha visita guiada na que participaron numerosos representantes do tecio socioeconomico da cidade.

Méndez destacou como obxectivos da iniciativa visibilizar a intensa e ampla actividade do Centro de Empresas e Innovación municipal, no que na actualidade están funcionando 27 empresas e asociacións, coa totalidade dos locais dos que dispón ocupados. A xornada pretende fomentar sinerxias do CEI co tecido social, asociativo, educativo e económico de Lugo para fortalecer e aumentar a competitividade do empresariado; darlle un pulo á zona da cidade na que se asenta, Garabolos, que cada vez gaña máis actividade e servizos, e supón tamén un novo exercizo de transparencia do Goberno, ao amosar e explicar á cidadanía como e a que destina o Concello os recursos públicos.

Dende a súa posta en marcha, no ano 2004, o CEI Nodus prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que fructificaron 400, que deron emprego a medio milleiro de persoas. A porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%. Unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/exito-da-xornada-de-portas-abertas-no-cei-nodus-un-dos-piares-das-politicas-de-dinamizacion