Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Estudiase a nova convocatoria de licitación da obra Impulso Verde do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico

Estudiase a nova convocatoria de licitación da obra Impulso Verde do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico

Técnicos municipais, a xerencia do proxecto e os membros da Universidade de Santiago de Compostela redactores do proxecto destacan diversas variables para explicar que o concurso quedase deserto

  • Tema
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Xoves, 05 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os técnicos municipais, a xerencia do proxecto e os membros da Universidade de Santiago de Compostela redactores do proxecto procederon a analizar as circunstancias que puideron levar á non presentación de licitadores ao concurso. Ademais, consultouse con diferentes entidades que mostraron interese na licitación e que realizaron consultas sobre a mesma durante o período de licitación para activar de novo o concurso.

O edificio Impulso Verde ten unhas características singulares. A madeira da estructura do edificio debe ser galega e certificada, é un compromiso ineludible e prioritario neste proxecto, para demostrar que nun territorio como o noso podemos non só producir madeira como os mellores no mundo, se non convertela e empregala en edificacións. Este factor complica a obra pois xera unha dependencia a unha materia prima cunha orixe determinada nun período de tempo moi concreto.

A madeira galega e certificada debe tratarse adecuadamente para transformala e poder empregarse a nivel estructural en edificación. Agora mesmo hai unha limitada oferta de fabricantes de madeira contralaminada.

Vinculado á circunstancia anterior, o edificio require dunha cantidade de madeira importante para o que se esixe aos licitadores que o poidan garantir.

Nun proxecto destas características, cun carácter demostrativo tan relevante, obriga a establecer un conxunto de esixencias de experiencia ao persoal que traballará na obra de certa relevancia, principalmente para os xefe de obra, encargado de obra e montadores da estructura de madeira. Aínda que se permitía adscribir unha persoa axunta ao xefe de obra e ao encargado de obra para achegar experiencia de forma combinada, certamente é un factor que pode limitar a concorrencia de licitadores, aínda que dado o tipo de edificación debe existir un mínimo razoable de experiencia para que boa execución estea garantida.

Como se indicou anteriormente, pensamos que a licitación deserta debeuse a un conxunto de factores e non a un específico. Tendo isto en conta estamos a avaliar a mellor forma de continuar coa licitación do edificio Impulso verde.

Salientar, que a análise desta situación e as conclusións obtidas son tamén un resultado interesante e valioso tanto para o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico como para o sector da construcción en Galicia, pois arroxa información a ter en conta de cara a potenciar diferentes mecanismos e sinerxías nos sectores forestal e da construcción en Galicia.

Debemos resaltar que estamos orgullos de apostar dende o Concello de Lugo por unha construcción con madeira en Galicia, aínda que con atrancos iniciais ao atoparnos nos primeiros pasos do seu desenvolvemento, e conscientes de que é máis difícil liderar esta iniciativa que sumarse a ela unha vez que todo estea en marcha.

Dende o ano 2014 que preparamos a candidatura do LIFE Lugo+Biodinámico, nos seguintes nos que botou a andar o proxecto cos parabéns da Comisión Europea, e por suposto no futuro seguiremos loitando para que a construcción sostible en madeira sexa unha realidade, xere unha economía verde e axúdenos a facer fronte as ameazas do Cambio Climático. Para isto estamos seguros de que contaremos dende Lugo co noso Edificio Impulso Verde e o resto de medidas do LIFE Lugo+Biodinámico.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/estudiase-nova-convocatoria-de-licitacion-da-obra-impulso-verde-do-proxecto-life