Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > As entradas do Caudal Fest, á venda dende mañá

As entradas do Caudal Fest, á venda dende mañá

As 1.000 primeiras, a 25€ (máis gastos de xestión), para as actuacións do sábado 22, na contorna do Miño: Vetusta Morla,  Iván Ferreiro, Mala Rodríguez, Novedades Carminha, DePedro, Andrés Suárez (acústico) e Eme Dj. Poden retirarse a través de www.caudalfest.es [1] e en www.entradasatualcance.com [2].

O día 21, na Praza de Santa María, será de balde

O Caudal Fest completa a axenda de actividades culturais que ofrece Lugo ao longo do verán e de todo o ano. Tamén complementa a oferta festivaleira de Galicia e sitúa a Lugo dentro do mapa nacional e internacional das citas musicais

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Música,
    • Programación cultural,
    • Promoción turística,
    • Xestión cultural
Luns, 23 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As entradas do Caudal Fest, á venda dende mañá

As entradas para o Caudal Fest, que reunirá o 21 e 22 de setembro en Lugo un cartel musical de primeiro nivel, poñeranse á venda mañá; as 1.000 primeiras, a 25€ (máis gastos de xestión). Poderanse retirar a través da páxina web do evento www.caudalfest.es [1] e na plataforma oficial de entradas www.entradasatualcance.com [2] Con esta iniciativa turístico cultural, o Concello de Lugo cumpre as gañas dun macrofestival urbano en Lugo, cunha programación moi coidada, pensado para varios públicos, de proxección internacional e de grandes dimensións.

O festival está subdivido en dúas xornadas: unha de balde, o venres 21 de setembro, e unha de pago, o sábado 22; en dous espazos máis que privilexiados e únicos da cidade. Concretamente, o segundo terá lugar na contorna do río Miño, o que converterá ao Caudal Fest nun dos festivais urbanos con máis atractivo medioambiental. Apóstase, deste xeito, pola revitalización desta zona verde e fluvial da cidade, co obxecto de que Lugo deixe de darlle ás costas ao río e mire, en termos de desenvolvemento, cara o Miño. Ademais, na liña de seguir poñendo en valor o casco histórico da cidade, o venres os concertos serán na Praza de Santa María.

Co Caudal Fest, Lugo agarda un fito de programación cultural que xerará ademais un retorno mediático, completando a axenda de actividades culturais que ofrece o municipio ao longo do verán e de todo o ano.  Supón tamén completar a oferta cultural festivaleira de Galicia, en auxe nos últimos anos, e situar a Lugo dentro do mapa nacional e internacional dos festivais, sendo o principal de fin de temporada no territorio nacional. Está concebido para gozar da natureza do municipio a través da música. Beneficiará ao sector turístico a través do cultural, e concretamente dende a perspectiva da música, pero tamén ao sector empresarial local.

Cartel de primeiro nivel

Cun cartel de primeiro nivel, o Caudal Fest  ofrecerá a posibilidade de gozar da música en directo de artistas de masas ou de número un de vendas. O Concello de Lugo aposta pola sinerxia do público-privado para levar a cabo este festival, que ten como obxectivo xenérico promover a imaxe de Lugo a través do seu patrimonio medioambiental, con atractivo turístico e cultural. Para conseguilo, deseñouse un cartel que, polo momento, suma os seguintes nomes de renome -na xornada de pago-: Vetusta Morla; Iván Ferreiro; Mala Rodríguez; Novedades Carminha; DePedro; Andrés Suárez (acústico); e Eme Dj.

Nos vindeiros días seguiranse anunciando artistas para este festival.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/entradas-do-caudal-fest-venda-dende-mana

Ligazóns:
[1] http://www.caudalfest.es/
[2] http://www.entradasatualcance.com/