Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A elevada demanda dos programas municipais de conciliación familiar para este verán duplicou a oferta existente

A elevada demanda dos programas municipais de conciliación familiar para este verán duplicou a oferta existente

O Concello recibiu un total de 1500 solicitudes para as iniciativas Aulas Abertas e Aprende Xogando.

As edís de Benestar Social e Muller e Igualdade destacaron o elevado interese por estas prestacións, que incrementaron a súa capacidade logo de dous anos de limitacións de aforo debido á pandemia.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Conciliación,
    • Accesibilidade,
    • Inclusión
Mércores, 22 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A elevada demanda dos programas municipais de conciliación familiar para este verán duplicou a oferta existente

As familias lucenses presentaron este ano un total de 1500 solicitudes aos programas municipais de conciliación durante o verán que o Executivo de Lara Méndez organiza a través das áreas de Benestar Social e Muller e Igualdade.

A demanda duplicou, así, a oferta existente que, este ano, xa sen restricións de aforo derivadas da Covid, incrementaron a súa capacidade poñendo a disposición da cidadanía un total de 680 prazas: 480 a través das Aulas Abertas e outras 200 por mes dentro do Aprende Xogando, a razón de 120 na quenda de mañás e outras 80 na de tarde.

Tanto Olga López como Silvia Alonso coincidiron en sinalar que “o éxito destas prestacións obedece, por unha parte, a que resultan imprescindibles, e dun xeito moi significativo en épocas como esta, onde é complexo compaxinar as vacacións de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia sen descoidar as necesidades de atención das e dos máis pequenos da casa; e por outra parte a que as condicións tanto de horario como de custo económico fanas accesibles, cumprindo co noso obxectivo de acadar unha maior equidade e xustiza social”, afirmaron as concelleiras.

Logo de que o prazo de presentación de instancias rematara xa para as dúas iniciativas, este xoves darán comezo as actividades no caso do Aprende Xogando e o próximo venres, 1 de xullo, iniciaranse as Aulas Abertas que se desenvolverán nos Centros de Convivencia da capital e tamén na Casa da Música.

Durante as mesmas, as crianzas terán oportunidade de compartir momentos lúdicos e de socialización con outros nenos e nenas da súa idade dunha forma pedagóxica e construtiva, compartindo xogos e vivencias nun espazo seguro e, sempre que se poida, ao aire libre, fomentando ademais a interculturalidade que define á sociedade lucense.

Para máis información, as bases dos dous programas de conciliación poden consultarse na páxina web municipal www.concellodelugo.gal [1].

Audio

  • A edil de Benestar Social e Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre o éxito dos programas de conciliación familiar | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/elevada-demanda-dos-programas-municipais-de-conciliacion-familiar-para-este-veran-duplicou

Ligazóns:
[1] http://www.concellodelugo.gal/
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/220622_silvia_alonso_-_exito_programas_conciliacion_familiar.mp3