Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Elena Candia recibe os fillos de Armando Durán, científico lucense e académico da Real Academia de Ciencias, no 25 aniversario do seu falecemento

Elena Candia recibe os fillos de Armando Durán, científico lucense e académico da Real Academia de Ciencias, no 25 aniversario do seu falecemento

A familia participou tamén na ofrenda floral do Día dos Defuntos no cemiterio de San Froilán, nunha homenaxe que permitiu lembrar a figura dun home sinxelo e próximo, "un científico e académico ao servizo do ben común"

  • Tema
    • Alcaldía
Luns, 02 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Elena Candia recibe os fillos de Armando Durán, científico lucense e académico da Real Academia de Ciencias, no 25 aniversario do seu falecemento

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello os fillos de Armando Durán Miranda, coincidindo co 25 aniversario do falecemento deste destacado científico lucense, nado en Lugo en 1913 e falecido en 2001.

Armando Durán foi catedrático de Óptica na Universidade Complutense de Madrid e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. A súa traxectoria científica e académica estivo marcada tamén polo compromiso de poñer o coñecemento ao servizo do ben común, tal e como recolle o libro sobre a súa vida e obra que os seus fillos entregaron ao Concello de Lugo.

Durante a recepción, Elena Candia agradeceu á familia a xenerosidade demostrada polo seu pai e continuada polos seus fillos coa cesión gratuíta ao Concello do mausoleo familiar en marzo de 2012. Un xesto que permitiu incorporar ao patrimonio municipal unha das construcións funerarias máis singulares do cemiterio de San Froilán e que cumpría a vontade de Armando Durán.

A alcaldesa destacou tamén o valor da homenaxe celebrada hoxe no cemiterio, con motivo do Día dos Defuntos, como unha oportunidade para lembrar a figura de Armando Durán máis alá da súa destacada traxectoria profesional: un home sinxelo e próximo. Entre outras achegas, contribuíu ao impulso da Escola de Comercio.

O mausoleo familiar, de estilo neogótico e procedente do antigo cemiterio de Magoi, é unha construción do século XIX. O seu valor histórico e artístico foi recoñecido en 2015, cando resultou distinguido no Concurso de Cemiterios de España na categoría de mellor monumento arquitectónico funerario.

Os fillos de Armando Durán participaron a continuación no acto institucional organizado polo Concello no cemiterio de San Froilán, no que tivo lugar unha ofrenda floral. A homenaxe contou coa intervención dunha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música, que interpretou varias pezas seleccionadas para a ocasión.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/elena-candia-recibe-os-fillos-de-armando-duran-cientifico-lucense-e-academico-da-real-academia