Elena Candia propón á Presidenta da Deputación colaborar na recuperación do antigo polideportivo da OJE para a mocidade e sumarse á sinatura do convenio para mellorar e ampliar as actuais instalacións da Protectora
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional

Venres 19 de xuño de 2026.- A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión institucional coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, na que ambas responsables analizaron diferentes asuntos de interese para o municipio e exploraron novas vías de colaboración entre ambas administracións.
Entre os temas abordados destacou a proposta trasladada pola alcaldesa para impulsar a recuperación do antigo polideportivo da OJE, un inmoble situado xunto ao edificio principal da Deputación que podería transformarse nun novo espazo destinado á mocidade lucense.
Candia explicou que se trata dunha iniciativa orientada a recuperar un edificio actualmente sen uso para poñelo ao servizo da cidadanía, creando un punto de encontro para a práctica deportiva, a formación, a cultura e o lecer dos mozos e mozas de Lugo. A alcaldesa trasladou á presidenta da Deputación a conveniencia de sumar esforzos para facer realidade un proxecto ilusionante que contribuiría a dinamizar esta contorna da cidade e a ampliar as oportunidades de participación da mocidade.
A alcaldesa abordou tamén coa presidenta da Deputación a situación da Protectora de Animais de Lugo. Neste sentido, trasladoulle a importancia de que a institución provincial participe na sinatura do convenio de colaboración entre Concello, Deputación e Xunta de Galicia. “O acordo está xa encamiñado e a súa formalización prevese nun prazo próximo, polo que solicitou a colaboración da Deputación para avanzar nun proxecto tan importante para o futuro da Protectora.
Outro dos asuntos tratados foi a colaboración que historicamente viñan prestando ao Concello as brigadas do Parque Móbil Provincial para o mantemento e conservación das vías municipais. Neste sentido, Candia trasladou a conveniencia de recuperar este servizo, suspendido o pasado 4 de maio.
Finalmente, a alcaldesa trasladou a importancia de manter a colaboración económica da Deputación co San Froilán, unha festa que transcende o ámbito municipal e que constitúe un dos principais referentes culturais, sociais e turísticos da provincia. Neste sentido, lembrou que a institución provincial participou no financiamento da edición de 2025 cunha achega de 370.000 euros sobre un orzamento total de 1.521.000 euros, unha colaboración que considera importante para seguir reforzando unha celebración que atrae cada ano a miles de visitantes e xera un importante retorno económico para Lugo e para o conxunto da provincia.
Durante o encontro tamén se abordou a situación das obras da Fervedoira no tramo que vai da Avenida Adolfo Suárez, dende a rotonda de Serra de Meira ata o final da zona edificada.
A reunión desenvolveuse nun clima de diálogo e colaboración institucional, coa vontade compartida de continuar impulsando proxectos que contribúan ao desenvolvemento da cidade e á mellora da calidade de vida dos lucenses.
