Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Elena Candia pregoa o San Froilán de Nou Barris, en Barcelona

Elena Candia pregoa o San Froilán de Nou Barris, en Barcelona

A alcaldesa de Lugo participou, xunto ao concelleiro Gustavo Díaz, nunha celebración que mantén viva a tradición das festas lucenses entre a comunidade galega residente en Barcelona

 

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Sábado, 03 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Elena Candia pregoa o San Froilán de Nou Barris, en Barcelona
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, pregonou na noite do venres o San Froilán de Nou Barris, en Barcelona. A celebración, organizada pola Asociación Cultural Amigos de San Froilán, reunirá durante esta fin de semana á comunidade galega arredor dunha festa que forma parte da identidade de Lugo.

As festas galegas do San Froilán de Nou Barris celébranse do 2 ao 4 de outubro na Praza Maior de Nou Barris, cun programa gratuíto que inclúe actuacións musicais e diferentes actividades ao longo da fin de semana, así como venda de produtos galegos.

Durante a xornada inaugural celebrouse a izada da bandeira galega, o baile dos Xigantes de Nou Barris e a actuación da banda de gaitas da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellà, antes da lectura do pregón de Elena Candia. A noite completouse coa actuación da orquestra La Oca Band.

O San Froilán, un patrimonio inmaterial que tamén se celebra fóra de Lugo

A celebración do San Froilán en Nou Barris representa tamén a capacidade das festas para manter vivo o vínculo con Lugo a través do seu patrimonio inmaterial, mesmo lonxe da cidade. A música, a gastronomía, as tradicións e a propia celebración permiten que o espírito das festas lucenses se traslade a outros lugares e siga formando parte da vida de persoas que viven fóra da súa terra.

Para Elena Candia, participar como pregoeira nesta celebración supón tamén compartir fóra de Lugo unha celebración que forma parte da identidade do municipio e que cada ano reúne arredor dela a lucenses, galegos e persoas vinculadas coa nosa cidade.

A alcaldesa agradeceu á Asociación Cultural Amigos de San Froilán o traballo desenvolvido para manter viva esta celebración "grazas por levar con tanto cariño a nosa cultura, as nosas festas e o nome de Lugo ata Barcelona".

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/elena-candia-pregoa-o-san-froilan-de-nou-barris-en-barcelona