Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > El Alcalde de Ourense realizará este año la Ofrenda del Reino de Galicia el día 21 de junio

El Alcalde de Ourense realizará este año la Ofrenda del Reino de Galicia el día 21 de junio

Martes, 16 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten xa preparados os actos de celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que este ano será o domingo 21 de xuño.

Os actos previos comezarán o sábado pola tarde coas vésperas de Corpus ás 20:00 horas na Catedral de Lugo, onde estarán representantes da Corporación Municipal de Lugo e Ourense.

O día da Ofrenda será o domingo 21 de xuño e comezará ás 11:20 coa recepción de autoridades na Casa Consistorial. Está previsto que asistan representantes das 7 Capitais do antigo Reino de Galicia, das 4 Deputacións provinciais, do Exército, do Parlamento e do Senado.

Ás 11:30 será a sinatura no libro de Ouro por parte do Delegado Rexio, que nesta ocasión é o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández. Ás 12:00 comeza a Misa deste tradicional acto que se ven celebrando en Lugo dende o ano 1669 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia. Ao longo da Misa ten lugar a lectura da tradicional Ofrenda por parte do Delegado Rexio. Posteriormente haberá unha procesión pola Praza Maior na que participa a Banda Municipal de Lugo e Ourense, para voltar as autoridades de novo á Catedral e facer entrega da Ofrenda.

Este acto realízase só en Lugo, pero cada ano unha cidade é a encargada desta ofrenda na que participan as sete antigas capitais: Lugo, A Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Ourense e Tui.

Publicación de Fernando de Casas Nóvoa en Lugo

O Concello de Lugo publica nesta ocasión o libro Fernando de Casas Nóvoa en Lugo, de Darío Xohán Cabana no que presenta a un mozo chamado Fernando de Casas chegando a Lugo pola ponte sobre o río Miño, que describe a pequena cidade coa que se encontrou, e que relata as obras do claustro e da capela da Virxe dos Ollos Grandes procurando sempre o detalle cálido e vital dos vellos documentos.

Esta breve obra é tamén, dende o punto de vista da edición –dirixida polo propio Darío Xohán Cabana–, un fermoso e elegante libro, deseñado e maquetado pola empresa lucense Tatata, que será entregado o día da Ofrenda como agasallo institucional aos representantes das outras capitais históricas galegas con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

O arquitecto compostelán Fernando de Casas Nóvoa construíu en Lugo, entre 1708 e 1736, dúas obras de gran importancia: o claustro da catedral e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, considerada unha das obras mestras do barroco galego. A súa influencia na arquitectura da nosa cidade foi moi grande, pois nos mestres de obras locais do século XVIII fíxose sentir o seu maxisterio, e tamén o do seu aparellador e discípulo predilecto Lucas Ferro Caaveiro, autor entre outras obras lucenses da magnífica Casa do Concello.

Fernando de Casas, creador tamén da maxestosa fachada do Obradoiro da catedral compostelá, é xeralmente considerado o máis grande arquitecto do barroco galego. O Concello de Lugo acaba de dedicarlle a praza que ata agora se chamaba do Alférez Provisional, contigua á capela da Virxe dos Ollos Grandes, cumprindo así dous obxectivos: aplicar a filosofía da Lei de Memoria Histórica suprimindo da toponimia urbana un nome vinculado á rebelión militar de 1936 e á guerra civil española, e honrando un dos máis grandes artistas da historia de Galicia, situándoo no lugar máis axeitado posible: xusto ao carón da súa máis fermosa obra lucense.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/el-alcalde-de-ourense-realizara-este-ano-la-ofrenda-del-reino-de-galicia-el-dia-21-de-junio