Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Educación inviste en 2007 ao redor de 10 millóns de euros en obras na provincia de Lugo

Educación inviste en 2007 ao redor de 10 millóns de euros en obras na provincia de Lugo

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A máxima responsable do departamento educativo galego explicou que o novo Centro de Formación Profesional permitirá “redistribuír a oferta das familias profesionais de Lugo

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, visitou esta mañá, acompañada pola Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, os Institutos de Educación Secundaria (IES) A Piringalla e Ánxel Fole de Lugo, onde puido coñecer as obras realizadas pola Administración educativa nestes centros, cun investimento de máis de 1 millón de euros. Ademais, Sánchez Piñón anunciou que Educación destina en 2007 ao redor de 10 millóns de euros para obras na provincia de Lugo, e afirmou que neste momento se están a estudar as necesidades do novo Centro Integrado de Formación Profesional de Lugo, co fin de definir a oferta e as familias profesionais que se impartirán no mesmo. Este centro, que este ano conta cun investimento de 1 millón de euros e que incluirá a oferta regrada, ocupacional e continua da FP; permitirá, en palabras da conselleira, "redistribuír a oferta das familias profesionais de Lugo". Durante a visita, a conselleira estivo acompañada do secretario xeral da Consellería, Benito Fernández; así como do delegado provincial de Educación, José Rábade.

No IES Ánxel Fole, Laura Sánchez Piñón puido coñecer o resultado das obras de substitución da cuberta do centro, cun investimento de 344.000 euros. Ademais, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, tivo a ocasión de visitar a aula de informática, a biblioteca e o salón de actos do edificio; e mantivo un encontro cos docentes do centro. No IES estudan na actualidade un total de 585 alumnos e alumnas; 382 na ESO; e 203 en bacharelato.

A continuación, a máxima responsable do departamento educativo galego trasladouse ao IES A Piringalla, que tamén foi obxecto dunha obra de ampliación e de substitución da cuberta. A Administración educativa destinou un total de 702.050 euros para esta actuación. A obra comprende a ampliación do edificio, a través da construción de dúas aulas na primeira planta, e 3 na segunda. A superficie útil ampliada na primeira planta é de 115,67 metros cadrados; mentres que na segunda é de 211,01. Ademais, tamén se azulexaron os corredores nas aulas destas dúas plantas; e o acceso principal da fachada e a escaleira de emerxencia revestíronse con pintura acrílica.

En A Piringalla estudan máis de 900 alumnos. En concreto, 227 cursan a Educación Secundaria Obrigatoria, 70 bacharelato, e 616 ciclos formativos. A máxima responsable do departamento educativo galego subliñou ademais que este centro conta cun ciclo medio de sistemas informáticos implantado este curso, que vén a cubrir unha vella demanda dos estudantes deste municipio.

Dos 10 millóns que a Administración educativa inviste na provincia, un total de 1.270.000 euros destínanse á construción de pistas de atletismo na cidade cultural, que benefician ao alumnado do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e Lucus Augusti. Ademais, a Consellería destina 450.000 euros en obras de mellora no IES Río Miño, de Rábade.

A Administración educativa achegará ademais 2.200.000 euros á construción dun novo aulario no IES de Monterroso e realizará diversas obras de mellora nos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo (630.000 euros); no Porta da Auga de Ribadeo (1.100.000 euros); e no Sanxillao de Lugo (100.000 euros).

Así mesmo, a delegación de Educación de Lugo, dentro do RAM (obras de Reforma, Ampliación e Melloras) destina un total de 3 millóns aos centros da provincia, 1,5 a centros de primaria, e outro tanto a actuacións en centros de secundaria.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/educacion-inviste-en-2007-ao-redor-de-10-millons-de-euros-en-obras-na-provincia-de-lugo