Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Dúas rúas e unha praza da cidade locen novas placas e din adeus aos nomes franquistas

Dúas rúas e unha praza da cidade locen novas placas e din adeus aos nomes franquistas

As rúas Ruíz de Alda e Teniente Coronel Teijeiro, así como a praza Comandante Manso son xa Luis Cordeiro, Lois Peña Novo e Mártires de Carral, respectivamente

O Concello bautiza unha rúa, no entorno da rotonda que da acceso ao Centro Comercial das Termas, como 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora

  • Tema
    • Infraestruturas
Luns, 14 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
placa

O Concello de Lugo vén de cambiar placas en diferentes rúas e prazas da cidade. Trátase da rúa Ruíz de Alda e da praza Comandante Manso, que son xa rúa Luis Cordeiro e Praza Mártires de Carral. Este cambio de nome súmase á antiga Teniente Coronel Teijeiro, que leva un mes como Lois Peña Novo. Tal e como informou o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o cambio responde a un acordo plenario de maio do pasado ano, onde se decidiu renomear a 7 rúas afectadas pola Lei de Memoria Histórica.

A adxudicación da subministración das placas fíxose no pasado mes de febreiro a través dun contrato menor por un importe de 6.800 euros, que irán destinados a colocar 18 novas placas de parede e 40 con poste. A empresa adxudicataria proporciona o material e a brigada de obras do Concello colócaas, procedendo nos vindeiros días a realizar o cambio nas rúas General Tella, Cedrón del Valle, Irmáns Pedrosa e Carlos Azcárraga, que se nomearán Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xaquín Lorenzo e Adolfo Suárez, respectivamente.

As mulleres no rueiro lucense

A entidade local tamén vén de nomear unha nova rúa, na rotonda que dá acceso ao Centro Comercial das Termas, como rúa 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Fíxoo respondendo a un acordo plenario do 30 de xuño do 2014.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/duas-ruas-e-unha-praza-da-cidade-locen-novas-placas-e-din-adeus-aos-nomes-franquistas