Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Diversiarte regresa da man do Concello á Praza Anxo Fernández Gómez para rematar coa invisibilidade da discapacidade

Diversiarte regresa da man do Concello á Praza Anxo Fernández Gómez para rematar coa invisibilidade da discapacidade

A edil de Benestar presentaba hoxe a 14 edición deste mercadiño solidario a través do cal o Concello ofrece apoio a 27 colectivos e asociaciacións locais

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural
Martes, 03 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Diversiarte regresa da man do Concello á Praza Anxo Fernández Gómez para rematar coa invisibilidade da discapacidade

A edil de Benestar, Olga López Racamonde presentaba esta mañá unha nova edición de Diversiarte.

Acompañada pola delegada de Auxilia, Nuria Neira, pola directora da Once en Lugo, Eva Lorente e pola presidenta da Fundación Anade, Ángeles Maira, a concelleira encomiou o esforzo de todos os colectivos que teñen representación neste mercado “polas súas cualidades, pola súa tenacidade e pola orixinalidade coa que cada ano conquistan aos lucenses cando chegan estas datas”.

“Logo de catorce anos, Lugo non entende un Nadal sen Diversiarte. Sen o inxenio das e dos creadores que, edición tras edición, nos sorprenden co seu traballo e cos seus deseños”, enxalzou López Racamonde.

A concelleira subliñou a colaboración constante da administración local non só coa realización deste evento senón tamén cos 27 colectivos e asociacións que o integran e puxo en valor o obxectivo da iniciativa: “amosar o labor que todas estas entidades realizan no seu día a día, abordando demandas e problemáticas moi diversas”.

“Para acabar coa invisibilidade da discapacidade cómpre promover a concienciación cidadá e avanzar no exercicio dos dereitos das persoas que forman parte deste colectivo. Só así poderemos atopar a comprensión e tamén as axudas necesarias para acadar unha mellor calidade de vida para todas e todos”, engadiu a responsable de Benestar.

Olga López Racamonde destacou que só no municipio de Lugo hai censadas 3655 mulleres e 3471 homes con discapacidade, segundo os últimos rexistros autonómicos. “Datos que non deben considerarse só como unha cifra, senón ser a base para a planificación das políticas de intervención nesta materia”.

A concelleira aproveitou a súa intervención para convidar a toda a cidadanía a visitar Diversiarte que, situado na Praza Anxo Fernández Gómez, permanecerá aberto ao público os próximos días 11, 12 e 13 de decembro, en horario de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:00 horas. “Un mercadiño solidario cheo, seguro, de sorpresas que ademais dunha auténtica mostra de artesanía será un berce de oportunidades”.

O programa deste ano inclúe ademais un obradoiro de figuras de Nadal, organizado por Raiolas e outro de prevención de enfermidades neurodexenerativas, da man de Afalu así como as actividades da Semana Cultural da Fundación Anade con lecturas de contos e representacións de teatro coa agrupación Os Pinchacarneiros e mesmo varias proxeccións de cine e unha exposición de artes plásticas.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a nova edición de Diversiarte | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/diversiarte-regresa-da-man-do-concello-praza-anxo-fernandez-gomez-para-rematar-coa

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/031219_olga_lopez_-_diversiarte.mp3