Dez empresas presentaron propostas para a redacción dos 5 primeiros proxectos do EDUSI
As actuacións consisten na reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio
Rexistradas 6 ofertas para a instalación das dúas casetas e dous caldeiros do polbo no San Froilán que quedaron vacantes para os anos 2017, 2018 e 2019
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de dúas liñas de subvencións municipais no eido social cun importe conxunto de 43.000 euros, destinadas ao tecido asociativo e a persoas con discapacidade para taxi adaptado
- Tema
- Alcaldía,
- Desenvolvemento local,
- Infraestruturas
O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou este mércores que un total de 10 empresas presentaron propostas para facerse co contrato de redacción dos proxectos técnicos e estudios de viabilidade correspondentes ás cinco primeiras actuacións do EDUSI, o programa Muramiñae, da Muralla ao Miño, consistentes na reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme e a descontaminación dos solos deste barrio.
O prazo de presentación de ofertas a este contrato, que ten un orzamento base de licitación de 168.000 euros, concluíu o luns, pero aínda poden entrar propostas por correo certificado. A Mesa de Contratación reunirase nos vindeiros días para abrir as plicas e seleccionar a mellor oferta, segundo explicou o voceiro na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.
A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) coa que o Goberno de Lugo conseguiu fondos da Unión Europea denomínase Muramiñae, da Muralla ao Miño, e conta cun orzamento total de 12,5 millóns de euros, o 80% (10M€) achegado por Europa a través do FEDER. Esta iniciativa permitirá ao Concello dar un impulso á implantación dun modelo de cidade máis sostible, social, integradora e máis verde.
Casetas e caldeiros do polbo
Por outra banda, tamén referido aos procesos de contratación que ten en marcha a día de hoxe a entidade local, rexistráronse 6 ofertas para a instalación das dúas casetas e os dous caldeiros do polbo das festas de San Froilán que quedaron vacantes para os anos 2017, 2018 e 2019 debido ao impago por parte do anterior adxudicatario do importe correspondente ao presente exercizo. O prazo de presentación de ofertas rematou na xornada de hoxe, pero aínda poden entrar por correo certificado máis propostas. A Mesa de Contratación reunirase nos vindeiros días para abrir as plicas e seleccionar as ofertas.
Os prezos de saída para as casetas son de 18.772,79 euros para a número 1, e 16.627,33 euros para a 3. En canto aos caldeiros: 11.714,22 para o número 1 e 10.375,46 euros para o 3. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33x8,80 metros e dos caldeiros do polbo, de 11x4 metros. Este ano, a montaxe poderase iniciar o día 11 de setembro e comezar a actividade o 29, manténdose en funcionamento ata o día 1 de novembro.
Deste xeito, “confírmase que vamos a chegar a tempo para garantir as casetas e a prestación deste servizo tan popular e demandado”, subliñou Miguel Fernández.
Así mesmo, onte acabou o prazo de presentación de ofertas para o contrato de edición e distribución do programa oficial do San Froilán 2017 e a explotación da publicidade comercial, ao que se presentou unha proposta, sen prexuízo de que poidan entrar máis a través de correo certificado. O reparto dos programas deberá realizarse entre o 18 e 22 de setembro, ou nos cinco días seguintes á súa impresión definitiva.
Xunta de Goberno
En canto aos asuntos tratados na propia Xunta de Goberno, o voceiro municipal informou de que se aprobou a convocatoria de dúas liñas de subvencións municipais no eido social cun importe conxunto de 43.000 euros.
A primeira, de 38.000 euros, está destinada ao tecido asociativo do municipio que desenvolve a súa actividade no eido dos servizos sociais para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral e sectorial e para o mantemento, conservación e reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo o seu labor.
A segunda liña de subvencións aprobada hoxe ten un orzamento de 5.000 euros e está destinada a persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade para gastos de transporte en taxi adaptado.
En ambos casos, as axudas poderán solicitarse durante 20 días hábiles tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Incidencia eléctrica
Por outra banda, en canto á incidencia eléctrica, allea ao Concello, que afectou ás dependencias municipais dende o luns a última hora da tarde, o Concelleiro informou de que todos os servizos informáticos quedaron plenamente funcionais ás 10.53 horas desta mañá e o propio problema eléctrico, solventado.
Como medidas de prevención para evitar que estas incidencias se volvan a producir, o Concello adquirirá un xerador eléctrico e aumentará as xa existentes proteccións dos equipos, explicou Miguel Fernández.