Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Cortes no ramal de saída da N-VI en dirección A Coruña cara a Avda. dos Deportes con motivo das obras da pasarela peonil

Cortes no ramal de saída da N-VI en dirección A Coruña cara a Avda. dos Deportes con motivo das obras da pasarela peonil

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Luns, 08 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cortes no ramal de saída da N-VI en dirección A Coruña cara a Avda. dos Deportes con motivo das obras da pasarela peonil

As obras de construción da nova pasarela peonil sobre a Nacional VI continúan avanzando, e con motivo da colocación da rampla de acceso norte da mesma, este mércores, día 10, ás 9.00 horas, será necesario cortar o ramal de saída desde a N-VI en dirección A Coruña cara a Avda. dos Deportes (onde está a gasolineira de GALP e o centro comercial Carrefour).

A previsión é que o corte manterase ata o vindeiro venres, día 12, pola tarde, aínda que se os traballos finalizaran antes o tráfico se restablecerá ese mesmo día. Sinalizarase debidamente e con antelación, ofrecendo un desvío alternativo pola saída seguinte, a de Avda. das Américas.

Unha vez rematadas estas labores, darase paso á colocación das varandas da pasarela e dos elementos de seguridade, así como a instalación de alumeado e a humanización do itinerario coa instalación de elementos de mobiliario urbano.

A empresa encargada de efectuar os traballos é Construcciones Taboada y Ramos, logo de ser seleccionada pola Mesa de Contratación, tras presentar a mellor oferta (971.250 €). Con esta estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favorecerá a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores, ademais de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.

Este proxecto, co que se mellorará a comodidade e seguridade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, dando resposta, ao mesmo tempo, a unha vella demanda da cidadanía lucense, enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae do Concello, cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/cortes-no-ramal-de-saida-da-n-vi-en-direccion-coruna-cara-avda-dos-deportes-con-motivo-das