A Corporación Municipal de Lugo amosa a súa condena unánime ante o xenocidio do pobo palestino en Gaza
Representantes de todos os grupos políticos gardaron un minuto de silencio fronte á Casa Consistorial en repulsa polos ataques de Israel á poboación palestina, en memoria das máis de 60.000 vítimas e en sinal de compromiso coa defensa dos dereitos humanos.
- Tema
- Alcaldía

Concelleiros e concelleiras de todos os grupos municipais que integran a Corporación lucense, co alcalde ao fronte, amosaron esta mañá a súa condena ante o xenocidio do pobo palestino en Gaza. A concentración tivo lugar fronte a Casa Consistorial, onde se gardou un minuto de silencio en repulsa polos brutais ataques e bombardeos de Israel, que ata de agora causaron máis de 60.000 mortes, e ante o continuo bloqueo humanitario imposto a Gaza, dando lugar a una catástrofe humanitaria sen precedentes.
Con esta concentración, a Corporación Municipal de Lugo fíxose eco do acordo adoptado esta mesma semana pola Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), convocando a un minuto de silencio como símbolo de condena enérxica e repulsa contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza, ao tempo que se esixe ao goberno de Israel e a Hamás que acorden e manteñan un cese de fogo, e que poñan fin a esta masacre e ao bloqueo e ás restricions ás que ten suxeitas á poboación de Gaza.
