Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Corporación Municipal amosa a súa repulsa e condena ante dous novos asasinatos machistas en Burgos e Mallorca

A Corporación Municipal amosa a súa repulsa e condena ante dous novos asasinatos machistas en Burgos e Mallorca

O alcalde, Miguel Fernández, participou xunto a varios concelleiros e concelleiras no minuto de silencio en conmemoración das vítimas ante a Subdelegación do Goberno.

  • Tema
    • Axenda institucional,
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Violencia de xénero,
    • Protección da comunidade
Luns, 24 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Corporación Municipal amosa a súa repulsa e condena ante dous novos asasinatos machistas en Burgos e Mallorca

A Subdelegación do Goberno en Lugo acolleu esta mañá o minuto de silencio en lembranza de dúas novas vítimas de violencia de xénero, nun acto no que participou a Corporación Municipal, co alcalde Miguel Fernández ao fronte, e no que se deixou constancia da repulsa e condena por estes novos casos de asasinatos machistas sucedidos a pasada semana en Burgos e Mallorca.

O rexedor, xunto a varios concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal, tomou parte neste acto para amosar o seu total rexeitamento por estes asasinatos. Os crimes ocorreron os pasados días 16 e 19 de marzo, e acabaron coa vida de Andrea, de 34 anos e nai dun neno de 7 anos, en Burgos, e de Juana, de 79 anos, natural de Mallorca e nai de dous fillos. Ámbalas dúas foron asasinadas a mans dos seus maridos.

A Delegación do Goberno Contra a Violencia de Xénero confirmou ámbolos crimes como asasinatos machistas, o que eleva a 6 a cifra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas neste 2025 e a 1.300 as mortes por violencia de xénero desde o ano 2003. Ademais, co fillo de Andrea, os menores orfos por estes crimes machistas ascenden a 7, e a 476 desde 2013, ano no que se comezaron a contabilizar.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/corporacion-municipal-amosa-sua-repulsa-e-condena-ante-dous-novos-asasinatos-machistas-en