Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A contratación a ampliación dos parques infantís de Campo Castelo e Albeiros

A contratación a ampliación dos parques infantís de Campo Castelo e Albeiros

Este mércores publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación, por un período de 15 días naturais, finalizando o prazo de presentación de ofertas o 8 de novembro

O Plan de Barrios do Goberno inclúe estes proxectos, que dan resposta a distintas peticións veciñais, dada a gran influencia de nenos e nenas nestes recintos, o que fai que queden a miúdo pequenos

Con estas actuacións, dun investimento total de 114.000 euros, o equipo de Lara Méndez garante aos máis cativos e cativas e ás súas familias máis espazos de lecer na cidade, máis cómodos e máis seguros

  • Tema
    • Infancia
Mércores, 24 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello vén de sacar a contratación a ampliación dos parques infantís da praza de Campo Castelo e de Albeiros, cun investimento total de 114.000 euros. De feito, este mércores publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación, por un período de 15 días naturais, finalizando o prazo de presentación de ofertas o 8 de novembro, estando prevista a súa apertura o 9 de novembro.

No caso de Campo Castelo, o proxecto consiste na creación dun novo parque infantil específico para nenos e nenas de ata 3 anos xunto ao actual espazo de xogos. Terá unhas dimensións de 5,3 por 10 metros, e incluirá diversos elementos de xogos infantís, como saltadores, balancín, un castelo con tobogán e unha casiña. O orzamento é de 25.000€ e o prazo de execución de 30 días.

En Albeiros ampliarase a zona de xogos existente, tanto na parte para nenos de 0 a 3, como na destinada aos de maior idade. Incluiranse xogos como un circuíto de habilidades, columpios, carrusel xiratorio inclusivo, casiña de xogos con paneis didácticos, entre outros. Neste caso, procederase a maiores á mellora do espazo de lecer existente, coa reparación do pavimento e do céspede artificial, a colocación dunha valla de madeira e o acondicionamento e repintado dos propios xogos. O presuposto ascende a 89.000€ e o prazo de execución a 60 días.

O Plan de Barrios do Goberno inclúe estas actuacións de ampliación, que dan resposta a distintas peticións veciñais, dada a gran influencia de nenos e nenas nestes recintos, o que fai que queden a miúdo pequenos. Deste xeito, o equipo de Lara Méndez garante aos máis cativos e cativas e ás súas familias máis espazos de lecer na cidade, máis cómodos e máis seguros.

Audio

  • Piñeiro, Parques Infantís | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/contratacion-ampliacion-dos-parques-infantis-de-campo-castelo-e-albeiros

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/241018_pineiro-parquesinfantis.mp3