Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Concello e Sociedade Micolóxica Lucus renden tributo ao produto estrela do outono coa XIV Exposición de Cogomelos

Concello e Sociedade Micolóxica Lucus renden tributo ao produto estrela do outono coa XIV Exposición de Cogomelos

Carmen Basadre e o presidente da entidade organizadora, Julián Alonso, presentaron este venres o certame, que acollerá o colexio Rosalía de Castro o vindeiro 8 de novembro

A XIV Exposición de Cogomelos, na que se poderán observar ao redor de 250 especies, estará aberta de 11:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Venres, 30 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
XIV Exposición de Cogomelos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, presentaron este venres no Salón de Plenos a XIV Exposición de Cogomelos, que acollerá o colexio Rosalía de Castro o vindeiro 8 de novembro. O Concello colabora con esta “inciativa máis que consolidada e de gran importancia”, tal e como a definiu Basadre, cunha achega económica de 1.800 euros, posto que se enmarca na súa aposta por impulsar a comercialización dos produtos autóctonos como vía para favorecer o desenvolvemento económico do municipio.
No acto, a Concelleira fixo fincapé nas posibilidades do territorio de Lugo no eido da micoloxía ao tempo que lembraba que o 80% do territorio do municipio é superficie rural. Neste senso, Basadre puxo en valor a producción de cogomelos no municipio e na provincia luguesa, “un recurso forestal que debemos aproveitar tanto dende o aspecto económico como culinario e ecolóxico”. A Concelleira tamén aproveitou a ocasión para impulsar a labor que realiza a Sociedade Micolóxica Lucus, que traballa pola promoción e divulgación dos cogomelos.

Pola súa banda, Alonso agradeceu a colaboración do Concello para celebrar un ano máis este encontro, ao tempo que convidaba a todos os lugueses a achegarse ao colexio Rosalía de Castro o domingo 8 de novembro.

Horarios

A XIV Exposición de Cogomelos estará aberta de 11:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta. Nesta edición poderán observarse ao redor de 250 especies diferentes, que estarán acompañadas por unha ficha técnica da especie en cuestión, onde se indicarán datos como o seu hábitat ou a súa toxicidade.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a XIV Exposición de Cogomelos |Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/concello-e-sociedade-micoloxica-lucus-renden-tributo-ao-produto-estrela-do-outono-coa-xiv

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/301015_carmen-basadre-exposicion-cogomelos.mp3