Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Concellería de Xuventude aposta por conseguir a distinción de Festa de Interés Turístico Galego para o Arde Lucus

A Concellería de Xuventude aposta por conseguir a distinción de Festa de Interés Turístico Galego para o Arde Lucus

  • Tema
    • Xuventude
Xoves, 23 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo, propoñerá no vindeiro Pleno da Corporación, que se inste á Xunta de Galicia a obter a distinción de Festa de Interés Turístico Galego para o Arde Lucus. Este é o primeiro paso para poder solicitar a Xunta o inicio dos trámites necesarios para obter esta distinción.

Arde Lucus

Dende a súa primeira edición no ano 2001, ata a novena celebrada neste 2010, o Arde Lucus foise consolidando como unha destacada festa de temática histórica.
 
460.000 persoas nunha fin de semana, unha ocupación hoteleira próxima ao 100%, uns beneficios económicos estimados de 10 millóns de euros e unha repercusión mediática que fixo eco do nome da nosa cidade a nivel nacional, son as cifras do Arde Lucus 2010.
 
Máis alá destas cifras obxectivas, o Arde Lucus ten un trasfondo sociocultural que non se debe esquecer. Un ocio de calidade asociado á orixe romana de Lugo que introduce un contexto único para a programación das actividades de lecer desenvolvidas nesa fin de semana e na semana previa.
 
A programación do Lucus Cultural, os eventos de recreación histórica incluídos no programa da festa e o interese dunha ampla porcentaxe da cidadanía participante que cada se esforza máis para que as súas vestimentas sexan fieis á época permitíronnos entrar na "Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas", á que pertencen outras celebracións de diferentes puntos de España que xa gozan do recoñecemento de “Festas de Interés Turístico Autonómico” e “Fiestas de Interés Turístico Nacional”.

O Arde Lucus converteuse nun referente para Lugo, implicando a todos os sectores da cidadanía, como o demostran as 9 empresas patrocinadoras ou os preto de 850 alumnos e alumnas, pais e nais e profesorado de 10 CEIPS da cidade que participaron activamente en espectáculos e desfiles, as 7 asociacións creadas a partir da festa ou as outras 7 asociacións que participan activamente na mesma.

www.ardelucus.com [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/concelleria-de-xuventude-aposta-por-conseguir-distincion-de-festa-de-interes-turistico-galego

Ligazóns:
[1] http://www.ardelucus.com