Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos

A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos

Alexandre Penas: “esta renovación permitirá aforrar en gasto e reducir en mantemento ao haber actualmente unha instalación moi antiga”

A área de Infraestruturas renovará as canalizacións e a instalación eléctrica e mudará as actuais luminarias por LED para reducir o consumo enerxético

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Protección da comunidade,
    • Urbanismo
Mércores, 02 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, anunciou a aprobación da contratación na Xunta de Goberno de hoxe da renovación da iluminación da Fonte dos Ranchos, da rúa Doutor Ochoa e do primeiro treito da avenida das Américas, até o cruce coa rúa Ameneiro. Segundo afirmou Alexandre Penas, “con este investimento o concello aforrará mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.

A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. O edil de Infraestruturas explicou que “esta é unha das actuacións que integramos no último suplemento de crédito, que inclúe máis dun millón de euros para renovar o alumeado público das zonas urbanas e periurbanas da cidade”.

Penas explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “tratamos de realizar intervencións nos distintos barrios para que o mantemento de toda a cidade avance de maneira uniforme, planificando actuacións a partir das solicitudes veciñais e das visitas aos distintos barrios”.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a iluminación na Fonte dos Ranchos | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/concelleria-de-infraestruturas-renova-o-alumeado-publico-da-fonte-dos-ranchos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/201202_alexandre_penas_iluminacion_fonte_dos_ranchos_-_converted.mp3