Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Concellería de Educación presenta a primeira edición dos Obradoiros Matemáticos

A Concellería de Educación presenta a primeira edición dos Obradoiros Matemáticos

Luns, 22 de decembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, e o coordinador do proxecto, Víctor Pollán, presentaron a primeira edición dos Obradoiros Matemáticos que organiza o Concello de Lugo.

Trátase dunha iniciativa formativa dirixida aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos, para que aprendan as matemáticas dun xeito lúdico e divertido, ao tempo que afondan no seu coñecemento científico.

Os obradoiros comezarán o 10 de decembro, e celebraranse todos os sábados ata o remate do curso escolar, en horario de 10:30 a 12:00 horas, no Centro Multiusos "López Mella".

A Concelleira de Educación asegurou que estes obradoiros "nada teñen que ver coas matemáticas que se imparten nos colexios e institutos" senón que o seu obxectivo é "fomentar o coñecemento a través do xogo, e sen que os estudantes sintan presión algunha".

Os mozos e mozas que asistan aos obradoiros terán a oportunidade de participar en actividades de cálculo mental, e xogos de xeometría, lóxica ou estratexia, que lles servirán de complemento para a súa formación académica, sempre asesorados por un grupo de monitores.

Os interesados en participar nos Obradoiros Matemáticos poden apuntarse chamando ao 010.

O Concello de Lugo inviste 5.000 euros nesta iniciativa, que se celebra tralo éxito de acollida do maratón Muralla Matemática.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/concelleria-de-educacion-presenta-primeira-edicion-dos-obradoiros-matematicos