Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A concelleira Ana González Abelleira supervisa o avance das obras en Veral xunto a representantes veciñais

A concelleira Ana González Abelleira supervisa o avance das obras en Veral xunto a representantes veciñais

A intervención, que inclúe a substitución dunha obra de paso no Rego de Pías, avanza segundo o previsto e estará rematada proximamente, mellorando a conectividade e a seguridade viaria na zona.

"Seguimos mellorando as infraestruturas das parroquias, apostando por servizos de calidade que garantan a seguridade e o benestar da veciñanza, facilitando as comunicacións entre os núcleos rurais", destacou a concelleira de Cohesión Social e Territorial.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución
Sábado, 15 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concelleira Ana González Abelleira supervisa o avance das obras en Veral xunto a representantes veciñais

A edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, visitou a parroquia de San Vicente do Veral para comprobar o avance das obras de substitución dunha obra de paso no Rego de Pías. Durante a supervisión, estivo acompañada por representantes veciñais, cos que compartiu os detalles da intervención, que busca mellorar a conectividade da zona e reforzar a seguridade viaria tanto para vehículos como para peóns. Esta actuación está incluída no Plan Deputación 2024, un programa de investimentos destinado á mellora das infraestruturas municipais. Atendendo ás demandas trasladadas pola veciñanza, tamén se procederá á ampliación das biondas co obxectivo de optimizar as condicións de seguridade no paso.

A actuación, cun investimento de máis de 35.000 euros, inclúe a colocación dun novo tubo de 1.800 milímetros de diámetro, a reposición do firme con zahorra e a pavimentación posterior con triple rega asfáltica. "Este tipo de melloras son esenciais para garantir unhas infraestruturas modernas e duradeiras que respondan ás necesidades do rural", subliñou González Abelleira.

Ademais, a concelleira acompañou aos veciños a visitar outras actuacións executadas en resposta ás súas solicitudes, como a instalación de puntos de luz en Soñar, a limpeza de cunetas na vía que conecta Penarrubia e Adai, así como diversas melloras complementarias na canalización de augas, colocación de sumidoiros e instalación de reixas para a correcta evacuación da auga.

Audio

  • A concelleira Ana González Abelleira supervisa o avance das obras en Veral xunto a representantes veciñais | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/concelleira-ana-gonzalez-abelleira-supervisa-o-avance-das-obras-en-veral-xunto-representantes

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/021525_audio_anagonzalezabelleira_a_concelleira_ana_gonzalez_abelleira_supervisa_o_avance_das_obras_en_veral_xunto_a_representantes_vecinais.mp3