COMUNICADO SOBRE USO VELLO CÁRCERE
- Tema
- Alcaldía
Martes, 23 de xuño de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

Ante as manifestacións realizadas nos últimos días en relación coa celebración dun acto sobre memoria histórica no Vello Cárcere, o Concello de Lugo considera necesario aclarar os feitos e desmentir interpretacións que non se corresponden coa realidade administrativa do expediente.
O único contacto producido respecto desta cuestión consistiu nunha consulta verbal realizada á xefa de gabinete da Alcaldía sobre a posibilidade de utilizar o Vello Cárcere nas datas indicadas. Durante esa conversa informouse ás persoas interesadas de que o inmoble podería albergar actividades vinculadas ao Arde Lucus.
Tras recibir esta información, as persoas interesadas volveron contactar co Concello para comunicar que finalmente non precisaban facer uso deste espazo, polo que non se produciu ningunha outra xestión ao respecto.
A partir dese momento, non se recibiu ningunha solicitude formal, nin por escrito nin a través de ningún dos canles establecidos para a reserva e utilización de instalacións municipais.
Os feitos son claros: Despois dunha chamada telefónica na que se lles advirte que a disponibilidade do edificio para o acto depende do calendario de actividades do Arde Lucus previsto e dunha segunda chamada na que os solicitantes din claramente que non precisan o edificio, non se produce ningún tipo de comunicación máis, formal ou informal, ao respecto do asunto. Resulta, polo tanto, improcedente atribuír ao Concello unha suposta negativa ou veto respecto dunha petición inexistente.
O Concello de Lugo realiza esta aclaración con base nos datos que constan nos seus rexistros e procedementos administrativos, únicos elementos obxectivos que permiten acreditar a existencia ou non de calquera petición. Calquera versión distinta deberá sustentarse na correspondente documentación acreditativa.
A institución lamenta que se trasladen á opinión pública afirmacións carentes de respaldo documental e reitera o seu compromiso coa transparencia, o rigor e o respecto á verdade dos feitos.
