Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Luns, 28 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención dunha muller tras agredir a cidadáns e enfrontarse violentamente á Policía

Na tarde do pasado 27 de abril a Policía Local de Lugo levou a cabo unha intervención de carácter urxente na zona nordés da cidade, que se saldou coa detención dunha muller que protagonizou graves altercados na vía pública, con agresións a cidadáns e resistencia violenta fronte aos axentes actuantes.

Os feitos comezaron cando a Sala 092 recibiu varias chamadas alertando de que unha muller estaba a agredir e insultando a clientes nun locutorio. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo desprazouse inmediatamente ao lugar, localizando a dúas persoas que denunciaban ser insultadas e agredidas con expresións de carácter homófobo e discriminatorio.

A presunta autora dos feitos, atopada no chan fronte ao establecemento, mostrou desde o primeiro momento unha actitude hostil e violenta contra os axentes. A pesar dos reiterados intentos de diálogo, levantouse súbitamente para arremeter contra os policías con golpes e patadas, proferindo ademais insultos cara ás vítimas e cara aos propios funcionarios actuantes.

Ante a gravidade da situación coa comisión dun delito contra a autoridade e para garantir a seguridade de todos os presentes, os axentes víronse obrigados a reducir á muller, procedendo á súa detención e posterior traslado a dependencias de policiais. Durante a súa estancia, a detida mostrou un alto nivel de alteración e nerviosismo, chegando a tentar autolesionarse, motivo polo cal, e seguindo os protocolos establecidos, solicitouse de inmediato asistencia sanitaria.

Unha ambulancia do 061 trasladou á muller ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde foi custodiada en todo momento por patrullas de Policía Local ata a súa completa valoración médica e posterior posta ao dispor xudicial.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comunicado-de-prensa-de-policia-local-de-lugo-28-04-2025