Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo
- Tema
- Protección da comunidade,
- Seguridade,
- Tráfico

Molestias por ruído
Os axentes do Grupo Operativo Nocturno atenderon requirimentos polas molestias causadas por ruídos en vivendas na rúa dos Gardas.
Axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio tamén atenderon requirimentos veciñais na rúa Pousa Antelo e na Rolda das Fontiñas, polas molestias que causaban dous establecementos de hostalería, o situado na primeira vía citada ao instalar altofalantes que reproducían música na vía pública; e o segundo por realizar unha actuación musical en directo. En ambos os casos, ao carecer os establecementos da preceptiva autorización para as devanditas actividades, os axentes confeccionaron a acta correspondente.
Auxilio a cidadáns
Un indicativo do Grupo Operativo Nocturno prestou auxilio a un home que camiñaba, ás 3.45 horas pola LU-530. Os axentes comprobaron que o home fora dado de alta no Servizo de Urxencias do HULA e non tiña onde pernoitar, polo que os axentes lle ofreceron a posibilidade de facer uso do albergue municipal, ao cal foi finalmente trasladado.
Presunta violencia doméstica
Un indicativo de Policía de Barrio acudiu ao requirimento dunha muller, xa que o seu neto tiña actitude agresiva. Os axentes contactaron coa requirente, que convive coas súas dúas fillas e o fillo dunha delas. Segundo constatou a muller o seu neto tiña actitude agresiva e ameazadora. Os axentes localizaron ao mozo, que xa non se atopaba na vivenda e procederon á súa detención, sendo trasladado inicialmente a un centro sanitario, para o seu recoñecemento e finalmente a dependencias policiais, para a tramitación das correspondentes dilixencias.
Noutra vivenda, os axentes tamén se viron na obrigación de proceder á detención dun mozo que, despois dunha discusión trivial, golpeou á súa nai, que presentaba marcas en coxas e brazos. A nai foi quen requiriu a presenza policial e confirmou o ocorrido, que foi admitido polo propio fillo, que manifestou agredila coa man.
Arma prohibida
Sendo as 5.00 horas, a Sala do 092 recibe información sobre un individuo que se atopa na rúa Catedral, no medio doutras persoas, exhibindo a modo de arma o que parece ser un aparello de descargas eléctricas. Os axentes localizan ao home, que se mostra pouco colaborador e verbalmente agresivo, séndolle incautado o aparello que exhibía cara ao resto de persoas con intención intimidatorio, sendo denunciado por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
Presunta subtracción de material municipal
Tras recibir información a Sala do 092 sobre varias persoas que se atopaban nas instalacións da antiga depuradora subtraendo material, os axentes do Grupo Operativo Nocturno organizaron un dispositivo para a súa localización. Os axentes procederon á detención de tres individuos que, ao observar a presenza policial, intentaban ausentarse do lugar a bordo dun camión con cabestrante para realizar as cargas, dúas cizallas, unha rebarbadora e unha navalla, todo o cal foi intervido, así como o vehículo utilizado, que foi trasladado ao depósito municipal, á espera das xestións oportunas.
Os axentes comprobaron que varios accesos ao recinto atopábanse violentados, había unha varanda cortada e varias pezas metálicas preto do camión, dispostas para a súa carga, así como cable de telefonía.
Os detidos foron trasladados a dependencias policiais para a tramitación das dilixencias oportunas.
Presunta subtracción de gasoil
Tras recibir aviso sobre tres persoas subtraendo gasoil dun camión en Alexandre Bóveda, a Sala do 092 comisiona varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno no lugar. Os axentes localizan a catro persoas que coinciden coa descrición nas inmediacións do lugar, unha das cales se dá á fuga. Tras realizar unha inspección ocular no lugar, os axentes localizan, ocultos entre arbustos, dous garrafas sen tapar con gasoil e unha mangueira e, ademais, seguindo o rastro de manchas líquidas sobre a calzada, localizan un camión estacionado co tapón do combustible aberto, unha garrafa e tres tapóns (dous dos cales coinciden coas garrafas anteriores); por todo o cal os axentes proceden á identificación dos suxeitos, para a tramitación das dilixencias que se entendan oportunas.
Dúas horas máis tarde, o vixiante de seguridade do Parque da Milagrosa informa á Sala do 092 que viu acceder á zona do parque a dous mozos, con tres garrafas polo que, ao ser coñecedor de subtraccións de gasoil polo lugar, intenta a súa identificación, sen que lles sexa posible, xa que se dan á fuga, abandonando unha das garrafas, comprobando os axentes que se trata de dous dos identificados con anterioridade. Durante a noite, os indicativos policiais localizan de novo aos implicados, procedendo á identificación dun cuarto home, pola súa posible implicación nos feitos.
Un dos homes é denunciado por dúas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por falta de respecto aos axentes da autoridade e por portar en vía pública unha arma prohibida, unha navalla de 15 centímetros de folla.
