Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo
- Tema
- Protección da comunidade,
- Seguridade,
- Tráfico

Balance do dispositivo especial San Froilán 2025: miles de persoas cunha Policía Local de Lugo envorcada na seguridade viaria e cidadá.
Finalizado o operativo especial despregado pola Policía Local de Lugo durante as festas patronais do San Froilán 2025, o balance xeral non pode cualificarse doutro xeito que de altamente positivo. Un ano máis, o traballo coordinado, constante e firme dos diferentes servizos e unidades permitiu garantir a seguridade nun dos eventos máis multitudinarios da cidade a pesar da enorme afluencia de persoas.
Durante o dispositivo, que se estendeu entre os días 26 de setembro e 13 de outubro, púxose en evidencia a capacidade operativa do corpo, así como o seu compromiso coa cidadanía tanto en labores preventivos como en intervencións directas, abarcando todos os ámbitos de competencia: xestión do tráfico, seguridade viaria, consumo de alcol e drogas, actos delitivos, orde pública ou asistencia cidadá.
O reforzo dos controis de tráfico e a intensificación dos dispositivos de vixilancia en torno ao recinto feiral, zonas de lecer e accesos á cidade traduciuse nun total de 1.198 intervencións en materia de tráfico, das cales 978 foron tramitadas directamente pola Policía Local, 44 correspóndense con infraccións do radar móbil, e outras 176 foron remitidas á Xefatura Provincial de Tráfico para a súa xestión.
Destaca especialmente a intervención en materia de alcoholemias:
- 24 actuacións por alcoholemia administrativa, con taxas que oscilaron entre o 0,25 mg/l e 0,59 mg/l.
- 9 dilixencias penais por superar o 0,60 mg/l, rexistrando algúns valores especialmente elevados como 1,17 mg/l ou 1,03 mg/l.
- 1 dilixencia penal con resultado de accidente baixo síntomas evidentes de intoxicación alcohólica.
- 1 caso de accidente con taxa próxima ao límite penal (0,49 mg/l).
- 1 caso por perda de vixencia do permiso de conducir, así como 1 intervención por carecer totalmente de permiso.
- 5 positivos en drogas, maioritariamente por THC e cocaína.
O servizo de guindastre municipal foi requirido en 110 ocasións, facilitando a retirada de vehículos que supoñían un risco para a circulación ou que presentaban irregularidades graves.
O despregamento de unidades tamén incluíu unha presencia constante e accesible nas contornas do recinto feiral e zonas de afluencia, o que permitiu resolver 45 situacións de asistencia directa a cidadáns, moitas delas relacionadas con persoas desorientadas, obxectos perdidos ou requirimentos puntuais que foron atendidos con axilidade e proximidade.
Durante as festas, contabilizáronse 40 intervencións vinculadas a actos delitivo ou identificacións policiais, das cales derivaron 6 detencións. As actuacións máis relevantes incluíron lesións con arma branca, violencia no ámbito familiar, ameazas graves, tentativas de roubo ou situacións de alteración da orde pública, todas elas resoltas con total dilixencia e sen incidencias posteriores.
Ademais, formuláronse 18 denuncias por infracción á Lei de Seguridade Cidadá (Lei 4/2015), en situacións que abarcan desde a desobediencia ou falta de respecto aos axentes ata a negativa para identificarse ou a alteración da orde pública.
Outras 8 denuncias foron impostas por venda ambulante sen autorización, e 7 por ouriñar na vía pública, condutas que se repiten neste tipo de celebracións e que foron abordadas tanto con sancións como desde unha perspectiva educativa.
O operativo San Froilán 2025 volveu demostrar que a planificación profesional, a coordinación entre unidades e a vocación de servizo público son as claves dun modelo policial eficiente e próximo, perfectamente adaptado a eventos de gran envergadura como o que acaba de concluír. A Policía Local de Lugo agradece á cidadanía a súa colaboración durante estes días e reafirma o seu compromiso de seguir garantindo a seguridade, a orde e a convivencia na nosa cidade os 365 días do ano.
