Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comunicado de prensa de la Policía Local de Lugo

Comunicado de prensa de la Policía Local de Lugo

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Venres, 13 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de la Policía Local de Lugo

Vixilancia sobre vertedoiros ilegais

Tal e como se informou en datas anteriores, a Policía Local mantén activo un dispositivo de vixilancia sobre diversos vertedoiros ilegais de residuos, con especial incidencia no existente na parroquia de Coeses.

As labores de vixilancia e as indagacións realizadas polos axentes permitiron identificar a outra persoa que abandonara no lugar diverso material. O implicado manifestou descoñecer que estivese a incumprir ningunha norma, alegando que non observara ningún cartel que indicase a prohibición.

Estes feitos poderían constituír unha infracción cualificada como grave, sancionada con multas de entre 901 e 45.000 euros, que poderían ascender ata os 300.000 euros no caso de tratarse de residuos perigosos.

Dende a Policía Local recórdase a prohibición de abandonar residuos en lugares que non estean habilitados para a súa recollida e posterior tratamento. O dispositivo de vixilancia manterase no tempo, xa que os depósitos que se están realizando poderían ocasionar un grave dano ambiental.

Presunto furto de produtos alimentarios

Axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio identificaron un home e unha muller que foran observados por un viandante —axente da Garda Civil fóra de servizo— cando subtraían dúas caixas do interior dunha furgoneta de reparto.

As caixas contiñan uns 30 quilogramos de distintos produtos alimentarios, que os implicados introduciron posteriormente no maleteiro dun vehículo estacionado nas inmediacións da rúa Nicomedes Pastor Díaz.

O axente da Garda Civil identificouse como autoridade e permaneceu no lugar coa parella ata a chegada da patrulla da Policía Local, que procedeu á identificación de ambos e á devolución da mercadoría ao condutor da furgoneta, informándoo ademais do procedemento para formalizar a correspondente denuncia.

Auxilio á cidadanía

Ás 4:00 horas do pasado mércores, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno acudiu a un domicilio da rúa Miguel de Cervantes, onde unha persoa sufrira unha caída e non era quen de levantarse.

Os axentes comprobaron que o home presentaba dor nun costado, polo que, para evitar posibles lesións ao movelo, solicitaron a intervención dunha ambulancia, que finalmente o trasladou a un centro sanitario.

Noutra intervención, axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio desprazáronse a un domicilio da rúa San Froilán a petición do 061, que requiría colaboración para atender a unha persoa enferma que se atopaba no interior da vivenda sen abrir a porta. Os policías accederon ao piso coa colaboración dos Bombeiros, comprobando que a porta estaba pechada dende o interior e que a muller se atopaba sentada no salón, con dores que lle impedían moverse. Foi evacuada posteriormente a un centro sanitario.

Durante a mesma tarde do mércores, os axentes tamén auxiliaron a un home de 88 anos que se atopaba desorientado no Centro Social da Milagrosa. O persoal do centro localizárao previamente na Rúa Nova cando, segundo manifestou, trataba de chegar á Praza da Milagrosa.

Tras realizar diversas xestións, os policías trasladaron ao home ata o seu domicilio, onde quedou ao coidado da súa coidadora. Esta persoa xa fora auxiliada en circunstancias similares o pasado día 6 deste mes, polo que os Servizos Sociais municipais xa teñen coñecemento da súa situación.

Infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá

Durante unha actuación en materia de tráfico, axentes do Grupo Operativo Nocturno percibiron un forte cheiro a unha substancia que parecía marihuana procedente do interior dun vehículo. Tras realizar un rexistro do automóbil, localizaron baixo o asento do copiloto varias bolsas cunha substancia que presuntamente podería ser marihuana.

A substancia foi intervida para a súa remisión a laboratorio e posterior análise, confeccionándose a correspondente acta por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Noutra intervención, unha patrulla denunciou por desobediencia a unha muller que, durante unha actuación policial na que os axentes se atopaban interactuando cun ocupante dun vehículo, fixo caso omiso ás indicacións dos policías e procedeu a subir a ventanilla do coche, tratando de impedir a continuidade da comunicación. 

Infracción á Lei de Benestar Animal de Galicia

A Sala do 092 recibiu aviso sobre o presunto estado de abandono dun can na parte traseira dunha vivenda. Ata o lugar desprazouse unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio.

Os axentes comprobaron que o animal, aparentemente, se atopaba en bo estado, contando cun lugar onde refuxiarse das inclemencias meteorolóxicas, así como con auga e comida. Non obstante, carecía da identificación obrigatoria, ao non portar microchip nin figurar de alta no rexistro correspondente, polo que se levantou acta por unha presunta infracción á Lei de Benestar Animal de Galicia.

Control de establecementos

Ás 6:50 horas do pasado venres, unha patrulla da Policía de Barrio desprazouse a un establecemento hostaleiro da Rúa Nova tras recibir varias queixas na Sala do 092.

No lugar comprobaron que había clientes consumindo no interior —continuando unha celebración iniciada en horario nocturno— mentres a reixa exterior do local permanecía totalmente baixada e pechada con cadeado.

Os axentes contactaron dende o exterior coa persoa que manifestou ser o encargado do establecemento, quen se negou a identificarse e a permitir o acceso dos policías ao local.

En coordinación con outras patrullas, estableceuse un dispositivo de vixilancia que finalizou cando, para permitir a saída da clientela, foi necesario abrir o cadeado da reixa. Nese momento os axentes procederon á identificación do encargado, que foi denunciado por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá pola súa negativa a identificarse.

Así mesmo, levantouse acta-denuncia por varias infraccións á Lei de Espectáculos Públicos de Galicia: impedir o acceso aos axentes, non colaborar coa inspección policial e exceder o horario máximo de apertura.

Impedir o acceso aos axentes pode constituír unha infracción moi grave, sancionada con multas de entre 30.001 e 600.000 euros, así como coa clausura ou suspensión da actividade ata tres anos. Pola súa banda, a falta de colaboración coa inspección e o incumprimento do horario están tipificados como infraccións graves, sancionables con multas de entre 301 e 30.000 euros.

Ademais, manter a reixa do local pechada coa clientela no interior podería constituír unha infracción moi grave á Lei de Emprendemento de Galicia, con sancións que poden oscilar entre 30.050,62 e 601.012,01 euros.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comunicado-de-prensa-de-la-policia-local-de-lugo-13-03-2026