COMUNICADO DE PRENSA DA POLICIA LOCAL
- Tema
- Protección da comunidade,
- Seguridade,
- Tráfico

Campaña alcol-drogas
A Policía Local de Lugo, con implicación da Unidade Territorial de Policía de Barrio, o Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, participou na campaña contra o consumo de alcol e drogas durante a condución levada a cabo entre os días 19 e 25 do presente mes, cos seguintes resultados:
Sorprendeuse a 17 condutores con resultados positivos nas probas de alcol ás que foron sometidos.
Doce deles foron denunciados administrativamente, dez con sanción de 500 euros e retirada de 4 puntos do permiso de conducir; e outros dous con sanción de 1000 euros e a detracción de 6 puntos do permiso.
Outros cinco foron investigados por presuntos delitos contra a seguridade viaria, tanto por arroxar resultados superiores ao 0.60 mg/L (chegando a un dos casos a 0.92 mg/L), como por acharse implicados en accidentes de circulación de diversa consideración na estrada de Orbazai, en Alexandre Bóveda e na Rolda do Carmen.
Tamén se localizou a cinco condutores con resultados positivos nas probas de drogas: tres deles positivo en cannabis, un en cannabis, metanfetamina e benzodiacepina e outro en opiáceos; todos eles denunciados administrativamente cunha sanción de 1000 euros e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.
Tres destas cinco persoas tamén foron investigadas por un presunto delito contra a seguridade viaria, xa que dúas deles estaban privados do dereito para conducir por resolución xudicial e outro perdera a vixencia do seu permiso pola perda total de puntos.
Os controis foron realizados en numerosos puntos da cidade e os positivos obtidos nas seguintes vías: Comunicacións, San Roque, Erín, Vía Láctea, Magoi, Fontiñas, Concepción Arenal, Rolda do Carmen, Alexandre Bóveda, Praza do Rei, Camiño Real, Montero Ríos e Avd. da Coruña.
Ademais dos resultados expostos, durante estes controis tamén foi denunciado un condutor que manexaba o vehículo facendo uso dun permiso de conducir estranxeiro non susceptible de troco e outro co permiso de conducir caducado; ademais de dous vehículos coas lúas tintadas e sete que non foran sometidos á inspección técnica periódica no prazo regulamentario.
Nun dos controis foi identificado un peón, que se detivo á altura do filtro establecido e comezou a obstaculizar o labor policial, increpando e faltando ao respecto aos axentes que compoñían o dispositivo, motivo polo cal finalmente tivo que ser denunciado por unha infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, por facer caso omiso ás indicacións dos axentes e por dúas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, unha pola falta de respecto e debida consideración aos axentes da autoridade e outra por desobediencia.
