Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comezan as obras da canalización e instalación de servizos entre as rúas Armañá e Raíña no proxecto de peonalización de Santo Domingo

Comezan as obras da canalización e instalación de servizos entre as rúas Armañá e Raíña no proxecto de peonalización de Santo Domingo

En próximos días adiantaranse traballos previstos na Fase 5 en simultáneo á Fase 1, na rúa do Teatro, para concentrar as afeccións ao tráfico e minimizar as molestias.

O acceso á Praza de Abastos e a rúa Armañá realizarase, previsiblemente, desde Quiroga Ballesteros e habilitarase un carril cara a rúa San Marcos para a saída do tráfico rodado.

O Concello está a espera de recibir as conclusións do estudio de cargas da praza para definir, da man da veciñanza, o proxecto de reconfiguración, tal e como se comprometeu a alcaldesa.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Luns, 06 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as obras da canalización e instalación de servizos entre as rúas Armañá e Raíña no proxecto de peonalización de Santo Domingo

Avanzan as obras de peonalización de Santo Domingo e a rúa do Teatro coa canalización e dotación de servizos, simultaneando os traballos da Fase 1, na que se está a executar a instalación de iluminación, telefonía e acometidas do carril dereito da rúa do Teatro (segundo sentido de circulación cara a praza), coa Fase 5, que incluirá a execución das instalacións de saneamento, abastecemento, baixa tensión e telefonía entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña.

Deste xeito, os labores previstos dentro da Fase 5 comezarán esta mesma semana, co fin de concentrar no mesmo período de tempo as afeccións ao tráfico, minimizar as molestias e axilizar os traballos. Así, os traballos entre a rúa Armañá e a rúa da Raíña acometeranse ao mesmo tempo que formigonan e pavimentan o carril que está levantado agora na rúa Teatro, así como os da Fase 3, diante de Calzedonia.

Neste senso, o Concello informa que xa está a elaborar o plan de tráfico, que trasladará á cidadanía proximamente, aínda que previsiblemente, o acceso á Praza de Abastos e a rúa Armañá realizarase desde Quiroga Ballesteros e habilitarase un carril cara a rúa San Marcos para a saída do tráfico rodado.

Estas obras non afectan á configuración da propia Praza de Santo Domingo, xa que o goberno de Lara Méndez está a espera de recibir as últimas conclusións do estudo de cargas para definir o proxecto da man da veciñanza, coa que se reunirá a rexedora tal e como comprometeu.

O tempo previsto para a execución desta nova fase é de dous meses. As tarefas nas diferentes fases de obra contemplarán os traballos de demolicións, canalizacións, gabias e instalación de servizos, así como o pavimentado final.

Estes traballos enmárcase no plan de peonalización entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro, contemplado no proxecto ‘Zero: Corazón verde’ para a peonalización integral do Centro Histórico, para o que o executivo de Lara Méndez acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, a través dos fondos europeos Next Generation.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comezan-obras-da-canalizacion-e-instalacion-de-servizos-entre-ruas-armana-e-raina-no-proxecto