Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comeza a segunda fase do II Maratón Empresarial Universitario

Comeza a segunda fase do II Maratón Empresarial Universitario

  • Tema
    • Economía
Mércores, 05 de marzo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro xoves, 6 de marzo, celebrarase a segunda fase do II Maratón Empresarial Organizado pola Concellería de Economía e Emprego que dirixe Sonia Méndez.

Na primeira fase, celebrada o 21 e 28 de febreiro, a competición estivo moi disputada. Os 22 rapaces e rapazas empregáronse a fondo na definición das súas estratexias sobresaíndo, en especial, a dura pugna entre dous equipos que foron encabezando a clasificación: o equipo “Malo será” e o equipo “Hermes”.

Durante as primeiras xogadas a diferencia de resultados entre estes dous equipos rondaba os catro mil euros, unha diferencia pequena se estamos a falar de centos de miles de euros en resultados.

Pola súa banda, os outros equipos cometeron pequenos erros de xestión nas primeiras xogadas, e foron arrastrando as consecuencias no resto da competición, pero, sen perder os ánimos conseguiron remontar eses malos resultados e mesmo acadar beneficios nalgunha das xogadas.

Finalmente o equipo gañador desta primeira fase do Maratón foi “Malo será”, pero os demáis equipos xa manifestaron que para a próxima fase, vanse “poñe-las pilas” para facerse co premio final: a viaxe a Londres.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comeza-segunda-fase-do-ii-maraton-empresarial-universitario