Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comeza o plan de roza no rural coa limpeza simultánea de Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos

Comeza o plan de roza no rural coa limpeza simultánea de Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos

O tenente de alcaldesa Miguel Fernández supervisou hoxe o inicio dos traballos que durante as próximas semanas se estenderán a todas as parroquias do municipio.

  • Tema
    • Medio rural,
    • Dinamización rural,
    • Medio ambiente
Mércores, 23 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza o plan de roza no rural coa limpeza simultánea de Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos

O tenente de alcaldesa e responsable da área de Cohesión Territorial, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dos traballos de roza no rural.

“Hoxe arrincaron os labores, de forma simultánea en catro parroquias, en concreto en Orbazai, Tirimol, Bosende e Piúgos e, a continuación, as tarefas se estenderán nas vindeiras semanas a todos os núcleos do municipio”, indicou o concelleiro.

“As intervencións céntranse en acometer unha limpeza mecánica e manual da maleza polas dúas marxes da vía, alcanzando a paseos, gabias e noiros contiguos, ben en terraplén ou en desmonte e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade polas estradas ou camiños”, explicou Fernández ao tempo que lembrou que a altura máxima de calquera tipo de vexetación, despois da sega, non deberá superar nunca os sete centímetros. “Así mesmo, tamén se están a acondicionar os campos da festa, explanadas ou prazas que sexan públicas”.

O tenente de alcaldesa sinalou que estas actuacións se completan coas de roza de camiños e pistas forestais, “que se realiza durante todo o ano con maquinaria do Parque Móbil municipal, de maneira que non só tratamos de mellorar as comunicacións viarias e a comodidade das e dos condutores, senón que tamén contribuímos a previr incendios”.

O edil recordou que o investimento do Concello neste plan de roza alcanza os 107.064 euros “cos que temos a vontade de mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural”, concluíu.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comeza-o-plan-de-roza-no-rural-coa-limpeza-simultanea-de-orbazai-tirimol-bosende-e-piugos