Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Comeza a colocación do novo mobiliario urbano de Quiroga Ballesteros

Comeza a colocación do novo mobiliario urbano de Quiroga Ballesteros

Rubén Arroxo: "en moi pouco tempo poderase desfrutar dunha zona totalmente renovada nunha zona histórica da cidade"

Unha vez se remate a pavimentación deste treito, colocarase o mobiliario urbano no percorrido de Quiroga Ballesteros

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Domingo, 30 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a colocación do novo mobiliario urbano de Quiroga Ballesteros

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a rúa Quiroga Ballesteros, onde se está xa a colocar o novo mobiliario urbano, unha vez finalizados os traballos de pavimentación. Arroxo afirmou que “desde o Goberno de Lugo melloramos unha zona histórica do centro, gañando todas as veciñas e veciños un importante espazo peonil”. Segundo Arroxo, "estamos a falar dunha das zonas máis importantes da cidade, onde se localizan instalacións históricas como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal".

Rubén Arroxo agradeceu "a colaboración da veciñanza e das comerciantes da zona polas molestias que ocasionan este tipo de actuacións, especialmente nas primeiras fases", e destacou tamén "a disposición da empresa e das traballadoras e traballadores para levar adiante este proxecto co mellor ritmo posíbel, tratando de reducir ao máximo as molestias ocasionadas". Os traballos realizados na rúa incluíron a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros, xunto co o mobiliario urbano para a nova rúa peonil que se está a instalar actualmente.

Arroxo lembrou que “o proxecto ampliouse para mellorar tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo”. Nesta rúa, actuouse no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro soterrado, gañando uns 120 metros cadrados de espazo humanizado, sen supoñer un custo a maiores no prezo final da actuación.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/comeza-colocacion-do-novo-mobiliario-urbano-de-quiroga-ballesteros