Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Colectivos lugueses de inclusión reiteran a responsabilidade colectiva na loita polos dereitos das persoas con diversidade

Colectivos lugueses de inclusión reiteran a responsabilidade colectiva na loita polos dereitos das persoas con diversidade

A Alcaldesa e membros da Corporación Municipal asistiron este venres, diante da Casa do Concello, á lectura do manifesto con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Asociacións sociais,
    • Accesibilidade,
    • Inclusión,
    • Diversidade funcional
Venres, 02 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Colectivos lugueses de inclusión reiteran a responsabilidade colectiva na loita polos dereitos das persoas con diversidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e membros da Corporación municipal de Lugo, asistiron este venres á lectura do manifesto con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro. Ao acto, que tivo lugar ás 13:00 horas na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, asistiron reprsentantes das distitas asociacións que día a día trabllan por mellorar a calidade de vida deste colectivo de persoas.

Nesta ocasión o manifesto foi lido por Maribel Canto Polanco e interpretado por Laura Valadares, ambas as dúas da Acción Lucense de Xordos (ALUSOR), que en nome das preto de 30 asociacións en Lugo que loitan polos dereitos e liberdades das 14.663 galegas e galegos con diversidade funcional, fixo un chamamento á responsabilidade e aos poderes públicos e privados para manter un sistema educativo, sanitario e social, de tipo público e descentralizado, eliminando calquera tipo de barreiras, tanto arquitectónicas como de comunicación e promovendo o uso da linguaxe de signos para atender a persoas xordas, co fin de facelo funcional a cada individuo. O documento tamén recolle unha chamada ao sector empresarial e pequenos comercios para que fomenten a accesibilidade universal.

No manifesto tamén se felicitaba a toda a cidade de Lugo pola distinción que obtivo Lugo nos Acces City Award, un logro conxunto, que serve para seguir avanzando ata alcanzar a accesibilidade plena no municipio lugués.

“A loita dos dereitos das persoas con discapacidade é unha responsabilidade colectiva de todos e todas para a súa plena normalización”, concluíu o documento.

Moitas das asociacións que asistiron a lectura deste manifesto estarán presentes no Mercadillo Solidario Diversiarte, organizado este ano por ALUSOR e ALUME, coa colaboración do Concello, onde se pode atopar a información dos servizos que ofertan, así como mercar os produtos que realizan nos seus talleres.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/colectivos-lugueses-de-inclusion-reiteran-responsabilidade-colectiva-na-loita-polos-dereitos