Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Cohesión Territorial mellora a operatividade das ITV móbiles no rural con novas tomas de terra

Cohesión Territorial mellora a operatividade das ITV móbiles no rural con novas tomas de terra

"Traballamos para achegar servizos esenciais ao rural e mellorar as condicións de traballo dos profesionais que os prestan", destacou Ana González Abelleira.

A instalación destas infraestruturas permitirá garantir o cumprimento da nova normativa eléctrica e mellorar a seguridade do servizo.

A medida facilitará o funcionamento das unidades móbiles de ITV para vehículos lixeiros e agrícolas.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Desenvolvemento local,
    • Medio rural
Sábado, 01 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Cohesión Territorial, está a colaborar coa ITV na instalación de tomas de terra en varias parroquias de Lugo co obxectivo de mellorar a operatividade das unidades móbiles de inspección técnica de vehículos lixeiros e agrícolas. Esta actuación permitirá garantir o cumprimento da nova normativa eléctrica, incrementando a seguridade tanto para os traballadores como para os usuarios do servizo.

As intervencións realizaranse en cinco puntos do rural: Calde, Coeses, Piñeiro, Recimil e Vilachá de Mera. Nestes espazos instalaranse tomas de terra fixas, cubertas con arquetas protectoras, que facilitarán a conexión das estacións ITV móbiles sen necesidade de realizar montaxes provisionais en cada visita. Segundo explicou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, "con esta iniciativa conseguimos unha mellor planificación das inspeccións no rural, asegurando condicións óptimas para o funcionamento do servizo e garantindo que as unidades móbiles poidan traballar de forma eficiente e segura".

Ademais, para facilitar o traballo do persoal da ITV, o Concello pon á súa disposición as escolas rurais ou centros sociais máis próximos a cada punto de inspección, de maneira que os empregados poidan cambiarse e gardar os seus efectos persoais durante a xornada. "Estamos a mellorar non só a operatividade do servizo, senón tamén as condicións de traballo das persoas que fan posible que a ITV chegue ás parroquias", subliñou González Abelleira.

As ITV móbiles comezarán a operar nestas localizacións a partir de febreiro, facilitando aos veciños do rural o acceso a este servizo sen necesidade de desprazarse á cidade. "Seguimos apostando por medidas que reforcen a cohesión territorial, achegando servizos clave para a veciñanza e garantindo que o rural conte cunhas condicións axeitadas para desenvolver a súa actividade diaria", concluíu a concelleira.

Audio

  • Cohesión Territorial mellora a operatividade das ITV móbiles no rural con novas tomas de terra | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/cohesion-territorial-mellora-operatividade-das-itv-mobiles-no-rural-con-novas-tomas-de-terra

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/020125_audio_anagonzalezabelleira_013025_cohesion_territorial_mellora_a_operatividade_das_itv_mobiles_no_rural_con_novas_tomas_de_terra_2.mp3