Cohesión Social impulsa a consecución dunha nova sede para a asociación Dano Cerebral Lugo
O Goberno Local convocará ao resto de administracións implicadas no eido do benestar social a unha reunión de traballo para a procura dun local maior que o actual.
A edil Olga López Racamonde sostén que é “unha necesidade lexitimada: porque atende a 20 persoas no centro de día; a 50 persoas ao mes en distintos servizos e pola alta incidencia de DCA e o incremento que está a experimentar esta patoloxía”.
A edil de Cohesión Social súmase a Adace na súa reclamación para que as persoas afectadas por ACV consten na súa alta como pacientes de Dano Cerebral Adquirido”.
- Tema
- Benestar social,
- Centros sociais,
- Servizos sociais,
- Desenvolvemento local,
- Protección da comunidade

A área de Cohesión Social, que dirixe Olga López Racamonde, impulsa a consecución dunha nova sede para a asociación Dano Cerebral Lugo, mediante a convocatoria dunha reunión entre administracións para avanzar na procura dun local máis amplo para a asociación, que no seu centro de día atende a unhas 20 persoas, aínda que presta asistencia con obradoiros, programas de autonomía persoal e actividades de ocio a unhas 50 persoas ao mes. Para a edil encargada de Benestar Social e Maiores “Adace precisa dun local de máis superficie. É unha necesidade totalmente lexitimada pola xente que atenden diariamente nos seus distintos servizos; pola alta incidencia de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e polo o incremento que está a experimentar esta patoloxía”, sinala López Racamonde.
Na actualidade, este colectivo conta cun local na avenida Adolfo Suaréz no que presta varios servizos, entres eles centro de día; traballo social; fisioterapia; logopedia; neuropsicoloxía; terapia ocupacional; educación social; programas de ocio; enfermería; formación e sensibilización, entre outras actividades sociais, divulgativas e de integración. “A actividade e o traballo que desenvolve este colectivo en Lugo é polo tanto importante e prioritario, polo que instamos a reunirnos para acadar unha solución entre todas as administracións e cada unha en función das súas posibilidades e competencias. Desde o Goberno Local comprometémonos con Adace a dar prioridade e axilizar ao máximo posible a concesión de licencias, interceder no caso de valorar as opcións de locais privados, e por suposto, seguir colaborando na execución e xestión dos distintos programas sociais”, comentou López Racamonde.
Todos estes temas abordáronse nunha reunión entre os representantes de ADACE e a edil de Cohesión Social, á que asistiron por parte de Dano Cerebral Estatal a presidenta do colectivo, Ana Cabellos; o secretario, Ángel Sanchez; a directora xerente, Libertad Martínez, e o vogal, Paco Quiles. Mentres, en representación de Dano Cerebral Galicia asistiron o presidente, Luciano Pintor, e a directora, Leticia Vila, acompañados pola presidenta de Dano Cerebral Lugo, Ángeles Rozas e a directora, Iria Abel.
Segundo explicou a concelleira Olga López Racamonde na citada reunión se abordaron outras reclamacións que tamén comparten desde o Goberno Local, como é o feito de que “os enfermos de ACV (accidente cerebrovascular) ao alta consten como pacientes de dano cerebral, algo que na actualidade non aparece e que polo tanto fai que os rexistros de datos de persoas afectadas polo DCA non sexan correctos”, explica a edil de Cohesión Social. Estes datos, segundo a Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia, do Instituto Nacional de Estadística, estima que en Galicia hai arredor de 35.000 persoas afectadas e cada ano se producen máis de 7.000 novos casos.
Pola súa banda, desde a asociación Dano Cerebral Lugo sinalan que “na maior parte dos casos de pacientes que sofren un Ictus, no seu proceso de evolución enfróntanse ás secuelas neurolóxicas, algunhas non diagnosticadas, pero non figuran como pacientes de DCA”.
Audio
- A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre a nova sede | Descargar mp3 [1]
