Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > As cinco actuacións urbanísticas autorizadas esta semana en Xunta de Goberno propiciarán un investimento na cidade de 1M de euros

As cinco actuacións urbanísticas autorizadas esta semana en Xunta de Goberno propiciarán un investimento na cidade de 1M de euros

As licenzas concedidas foron para a mellora do illamento térmico de varios edificios así como a construción de dúas naves industriais

O edil Miguel Couto destaca que as obras contribuirán, directa e indirectamente, á dinamización económica da cidade

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Xoves, 21 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As cinco actuacións urbanísticas autorizadas esta semana en Xunta de Goberno propiciarán un investimento na cidade de 1M de euros

1.024.355 euros. É o importe total do investimento que suporán as cinco actuacións urbanísticas que a Xunta de Goberno vén de autorizar na sesión desta semana.

Trátase da mellora da envolvente de dous edificios en Nicomedes Pastor Díaz (63.501 €) e na Avenida da Coruña (277.547 €) e da renovación da fachada doutro inmoble sito en Alcalde Ángel López Pérez (256.987 €) para acadar a súa mellora enerxética así como da creación de dúas naves industriais, unha para reciclaxe e almacenamento ao aire libre como centro de xestión de residuos nas Gándaras (236.365 €) e outra destinada a almacén loxístico de produtos ecolóxicos de lavandería e limpeza na rúa dos Carros (189.952 €).

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, destacou que “as obras proxectadas contribuirán, de xeito directo e indirecto, á dinamización económica da cidade en tanto propiciarán o incremento da actividade no sector da construción e suporá a ampliación das instalacións de empresas xa asentadas no municipio”.

“Levamos, dende o inicio da crise sanitaria, en permanente contacto co total do tecido produtivo local co que nos comprometemos a axilizar a tramitación burocrática que debe emitir a administración local para procurar que se recupere toda actividade, especialmente naqueles eidos máis afectados pola pandemia”, subliñou o concelleiro.

Couto lembrou que, dende o pasado mes de maio se atopa en vigor a posibilidade de aprazar a liquidación da Taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos e o ICIO ata a concesión da licenza ou á comunicación de conformidade.

“Dous impostos, que suman uns ingresos superiores aos 2 millóns de euros anuais para as arcas do Concello e que, se ben anteriormente debían abonarse por adiantado, no momento da presentación da solicitude, agora se adían ata a resolución administrativa para dotar de maior liquidez a promotores e particulares”, concluíu .

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre as licenzas da Xunta de Goberno Local | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/cinco-actuacions-urbanisticas-autorizadas-esta-semana-en-xunta-de-goberno-propiciaran-un

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/210121_miguel_couto_-_licenzas_xunta_de_goberno_local.mp3