Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A cidade contará cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida a principios de abril

A cidade contará cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida a principios de abril

O Concello instalará cinco colectores en distintos puntos da cidade, atendendo ás necesidades existentes que lle trasladará ao Gabinete Municipal de Accesibilidade a asociación AUXILIA

Este Gabinete, que celebrou unha xuntanza este vernes, acordou que non se empreguen adoquíns nas obras que se realicen nas rúas da cidade

  • Tema
    • Accesibilidade,
    • Diversidade funcional,
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Residuos
Venres, 11 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidade contará cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida a principios de abril

O Gabinete Municipal de Accesibilidade mantivo este venres unha xuntanza na que adoptaron distintos acordos, coa finalidade de seguir avanzando nun Lugo máis accesible, tal e como deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Neste senso, Piñeiro deu conta que o Concello instalará en breve, posiblemente entre finais do mes de marzo e nos primeiros días de abril, os primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos de Lugo. En total, colocaranse cinco colectores, con sistema de palanca, que serán distribuídos en función das necesidades existentes que lle trasladará á entidade local a asociación AUXILIA.

Outro dos acordos adoptados no Gabinete de Accesibilidade foi o de non empregar adoquines nas obras que se realicen nas rúas da cidade, de tal xeito que se utilicen outros materiais que favorezan a accesibilidade, co que se facilitará o tránsito dos peóns e daquelas persoas que teñen dificultades de mobilidade.

Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta do Concello por continuar reducindo as barreiras arquitectónicas que existen na cidade e favorer a accesibiliade universal. Neste caso trátase de minimizar os problemas que as persoas con mobilidade reducida poidan ter á hora de depositar o lixo nos colectores. A entidade local xa instalou colectores que teñen identificación en linguaxe braille.

Outras actuacións realizadas

O Concello ten aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e coa que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aquelas persoas que viven ou visitan o municipio, iniciativas que permitiron que Lugo acadara os premios Reina Sofía de Accesibilidade Universal ou ao mellor destino turístico accesible.

O Concello dispón dun servizo de intérprete de lingua de signos, un buzón de consultas para persoas xordas a través da páxina web municipal www.lugo.gal [1]. Tamén se editan os programas das festas do San Froilán e do Arde Lucus en braille.

Recentemente tamén se levou a cabo a sinalización prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como obras de accesibilidade nas rúas da cidade.

Ademais o 30 de novembro de 2015, coincidindo co XV Aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial, púxose en marcha o ascensor da Muralla, que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre os colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida| Descargar mp3 [2] 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/cidade-contara-cos-primeiros-colectores-adaptados-persoas-con-mobilidade-reducida-principios

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110316_pineiro-accesibilidade.mp3