Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A cidade contará antes de verán con aparcamentos para un cento de bicicletas

A cidade contará antes de verán con aparcamentos para un cento de bicicletas

O Concello xa adquiriu os aparcabicis, que se atopan en instalacións municipais á espera de concretar a ubicación definitiva, que se abordará nunha reunión entre a área de Desenvolvemento Sostible e a Policía Local

  • Tema
    • Medio ambiente
Luns, 18 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo instalará antes do verán preto dun cento de prazas gratuítas de aparcamento para estacionar bicicletas en varios puntos da cidade, en conxunto de 3 e  4 prazas cada dispositivo, co obxectivo de pór a disposición dos usuarios deste medio un aparcadoiro seguro para as súas bicicletas. Trátase dun proxecto que dá resposta a dúas peticións veciñais nos Orzamentos Participativos e coa que a entidade local pretende fomentar a circulación nestes pequenos vehículos en detrimento ao automóbil, ao tempo que se incorporan a mobilidade cidadá regular, tal e como subliñou este martes o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, coincidindo coa semana na que se celebra o Día Mundial da Bicicleta.

O edil deu a coñecer que a entidade local xa adquiriu os aparcabicis, por un importe total duns 20.000 euros, que se atopan en instalacións municipais á espera de concretar a ubicación axeitada definitiva, que se abordará nunha reunión entre a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Persoal e a Policía Local. Do mesmo xeito, a entidade está pendente de concretar o persoal necesario para instalar estes aparcabicis, ben a través de traballadores municipais ou dun contrato menor.

A entidade local adquiriu distintos deseños de aparcabicis en función da súa posible colocación, atendendo principalmente á súa ubicación dentro ou fóra do recinto amurallado, coa finalidade de favorecer a mobilidade sostible na cidade, fomentando a utilización deste medio de transporte ecolóxico e saudable.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/cidade-contara-antes-de-veran-con-aparcamentos-para-un-cento-de-bicicletas