Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Carmen Basadre presenta as novas actividades de Ponte en Lugo que se celebran este mes de decembro

Carmen Basadre presenta as novas actividades de Ponte en Lugo que se celebran este mes de decembro

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Martes, 04 de decembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou esta mañá as actividades que se enmarcan dentro do programa Ponte en Lugo e que recolle a II Feira de Outono e o programa Constrúe co Corazón da Asociación Corazóns Solidarios.

Carmen Basadre destacou que “tratamos de que os veciños e veciñas que se quedan na cidade teñan alternativas e poidan realizar actividades fóra do común e fomentar o comercio local”. Desta maneira a Concellería de Cultura organizou un programa de actividades de lecer que combina a promoción de produtos agrícolas propios da terra, a artesanía tradicional e obradoiros de fomento do exercicio físico e hábitos de vida saudable. Baixo o nome de Ponte en Lugo 2012, estas accións desenvolveranse entre o 6 e o 16 de decembro nunha carpa situada na Praza da Soidade.

Durante as dúas fins de semana, celebrarase a II Feira de Outono que, ademais de ofrecer un tempo de lecer a lucenses e a turistas, persegue unha finalidade aínda máis ambiciosa que é a de promocionar os produtos da terra e a artesanía tradicional galega, pois proporciona aos produtores e mestres artesáns unha plataforma de presentación e venda dos seus produtos dun xeito directo, sen intermediarios. Este tipo de iniciativas favorece o consumo responsable, estimula a economía local ao difundir a actividade dos pequenos produtores e proporciona o coñecemento da calidade dos produtos galegos por parte do consumidor.

Este mercado celebrarase os días 6, 7, 8, 9, 15 e 16 de decembro en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas. Cada día, unha media de 25 expositores albergarán os mellores produtos da terra e de artesanía. Os visitantes, ademais de mercar, poderán degustar saborosos queixos, doces e outras exquisiteces e observar a distintos mestres artesáns traballando en vivo nas súas creacións.

Para a organización desta Feira de Outono, tívose en conta que esta semana do alto outono coincide coa matanza do porco e coa época da recollida da castaña. Entre os expositores figuran produtores ecolóxicos de queixos, froitas e verduras; artesáns de distintas disciplinas; un produtor de Pan de Cea e Asoporcel.

Constrúe co corazón
Durante o 10 e o 11 de decembro, a carpa acollerá actividades gratuítas e para toda a familia que promoverán a creatividade e os hábitos saudables. Así, o luns e o martes a Asociación de Corazóns Artesáns celebrará unhas xornadas de fomento da creatividade e de aproximación á cestaría.

Trátase do remate das pezas realizadas nos obradoiros do Parque de Rosalía durante o San Froilán e da montaxe dunha exposición coas pezas. A actividade chámase "Constrúe co corazón" e está aberta a todo o público que desexe participar. Algunha delas teñen grandes dimensións como as casiñas xigantes, polo que vai resultar moi vistosa.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/carmen-basadre-presenta-novas-actividades-de-ponte-en-lugo-que-se-celebran-este-mes-de