Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Caixa Galicia colabora na programación cultural do Concello de Lugo

Caixa Galicia colabora na programación cultural do Concello de Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López, e o alcalde de Lugo, José López Orozco, asinaron un convenio de colaboración entre a Fundación Caixa Galicia e o Concello para a realización de actividades culturais en Lugo.

O convenio establécese co obxectivo de desenvolver novos proxectos culturais da mellor calidade e diversidade, e renova a fructífera colaboración que ambalas dúas entidades manteñen nos últimos anos.

A Fundación Caixa Galicia aporta 240.000 euros para o desenvolvemento da programación cultural da cidade, que engloba actividades culturais de todas as disciplinas artísticas. Destas actividades, unha parte serán organizadas e realizadas polo Concello e outras pola Fundación Caixa Galicia.
A programación a desenvolver no marco do presente convenio comprende as máis diversas áreas culturais. Entre todas estas actividades cabe sinalar:

• Exposicións: “Itinerario del trazo. Dibujos e Ilustración de Luis Seoane”, “Sylvia Plachy: De reojo”.
• Música: Festival de Música Cidade de Lugo, Festas de San Froilán, Festival Interfolk, Ciclo de Música brasileira.
• Teatro: Teatro Infantil.
• Cine: Dous ciclos de cine.

No acto, José Luis Méndez amosou “unha gran satisfacción pola confianza que os lucenses teñen depositada en nós como entidade financeira e como entidade social e cultural”. E engadiu que “o compromiso próbano o número de clientes e o noso negocio na cidade e na provincia, pero tamén a alta participación que os cidadáns teñen nas actividades que desenvolvemos na nosa aula sociocultural, no Centro de Maiores e en Ciberalia”.

Pola súa parte, o alcalde de Lugo, José López Orozco, dixo estar moi satisfeito pola sinatura deste convenio, que permitirá ó Concello poñer en marcha as súas actividades culturais máis destacadas cun amplo respaldo “en Lugo hai espectáculos de calidade e cada vez son máis numerosos”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/caixa-galicia-colabora-na-programacion-cultural-do-concello-de-lugo