Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Benestar pon á disposición das familias o programa Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións lectivas do Nadal

Benestar pon á disposición das familias o programa Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións lectivas do Nadal

Dende o 23 de decembro até o 3 de xaneiro, os centros da Milagrosa e Maruja Mallo desenvolverán durante toda a mañá actividades de entretemento para crianzas de entre 4 a 11 anos

  • Tema
    • Benestar social,
    • Infancia
Luns, 16 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar pon á disposición das familias o programa Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións lectivas do Nadal

O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de inscrición para a programación de Aulas Abertas, que oferta un Nadal máis, coa finalidade de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral nas vacacións destas datas.

As actividades terán lugar nos centros de convivencia da Milagrosa e Maruja Mallo e as solicitudes poden realizarse dende hoxe e ata o mércores, 18 de decembro, de 09:00 a 13:00 horas no centro ao que se queira acudir.

Cada usuario só poderá efectuar solicitudes para unha única unidade familiar. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e a participación nesta programación priorizarase polas persoas empadroadas en Lugo, seguidas das que non o están pero que foron derivadas polo servizos sociais do Concello.

As Aulas Abertas están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 11 anos. Hai, en total, 40 prazas, 20 por cada centro, e a administración local resérvase un máximo dun 25% das mesmas para persoas con diversidade funcional.

A programación celebrarase os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro, cun custo de 1’03 euros ao día.

Con estas propostas, a área de Benestar pretende, unha vez máis, axudar aos pais e nais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas nestas datas non lectivas e ofrecer, ao mesmo tempo, alternativas lúdicas para que as e os cativos pasen este tempo con outros pequenos e pequenas compartindo actividades que suman aspectos lúdicos e educativos.

Máis info

  • Cartel "Aulas Abertas" | Descargar pdf [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/benestar-pon-disposicion-das-familias-o-programa-aulas-abertas-para-favorecer-conciliacion

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/cartaz_aulas_nadal_2019.pdf